O Son da Estación regresa á rúa o vindeiro 15 de agosto coa cobertura dos Concertos do Xacobeo
Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia aterran na Rúa o vindeiro 15 de agosto cunha nova edición do ciclo ‘O Son da estación’. A cita, que achega a todos os públicos algunhas das mellores figuras da escena musical galega do momento, conta no seu cartel co talento de Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia, Green Angels e KillVir DJ. Así o presentou en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nun acto celebrado na Casa do Concello da Rúa.
A Xunta de Galicia dálle cobertura a esta cita singular co talento galego para todos os públicos, con entrada de balde, que terá lugar na Praza da estación da localidade ourensá.
En palabras de Xosé Merelles, “co apoio dos Concertos do Xacobeo, da Xunta de Galicia, O Son da Estación regresa á Rúa cunha proposta fresca que apoia o mellor talento musical galego, cos sons máis ricos e celebrados: do rock alternativo ao pop, da música tradicional á electrónica”. Neste sentido, subliñou que figuras da relevancia de Carlos Ares ou Mondra actuarán en directo para centos de persoas das idades máis diversas, “poñendo en valor a música en vivo en localidades diversas, lonxe de grandes urbes ou os macro festivais, cunha proposta atractiva e auténtica, que enriquece a nosa contorna”.
A voz auténtica e única de Carlos Ares, as súas raíces galegas e os seus sons vangardistas converteron ao artista na grande revelación da escena musical estatal dos últimos tempos. En A Rúa, o músico presentará o seu impecable indie pop e folk, que navega entre a tradición e a modernidade, con cancións que respiran emoción e autenticidade.
Xunto a el, actuará, tamén, Agoraphobia, a troupe de rock alternativo nada en Boiro, que regresou a comezos de ano ás ondas con Eyes Never Lie –o primeiro avance do seu novo álbum que sairá á luz en outono. O público de ‘O Son da Estación’ poderá descubrir en vivo este novo tema, como testemuña de toda a intensidade e as letras profundas da banda, que nunca defraudan. Así mesmo, o premiado artista, cantareiro e bailador Mondra súmase tamén á festa para presentar os temas do seu segundo e recente traballo discográfico DE RONDA, ademais doutros dos seus hits máis celebrados.
Concertos do Xacobeo os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Noia Harp Fest e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.
Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, entre eles, este ciclo de ‘O Son da estación’.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.