Regresa o bono turístico que xa se poderá descargar a partir do venres 18 de xullo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución de Turismo de Galicia que fixa e regula o proceso para a obtención dos bonos turísticos deste ano dentro do programa #DescubreGaliciaenOutono. Coa publicación desta resolución iníciase o procedemento para a posta en circulación de máis de 16.000 bonos que se poderán gozar en distintos establecementos e servizos turísticos de Galicia fora de tempada, concretamente desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano.
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga desde as 09,00 horas do 18 de xullo ata o 19 de decembro de 2025 na web www.bonoturismo.gal. Deste xeito, Turismo de Galicia pretende incentivar a desestacionalización na comunidade mediante o cofinanciamento de estancias e actividades, prolongando así a actividade turística fóra de tempada e dinamizando a economía e o emprego no sector. En total, a Xunta inviste este ano 1M€, a través dos que se espera mobilizar ata 2,5M€ no sector durante o outono.
Deste xeito, mobilizaranse máis de 16.000 bonos que estarán dispoñibles en formato código QR. Cada persoa poderá acceder a un máximo de dous bonos, que serán cada un dun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes. Estas últimas deberán, por tanto, abonar 90€ por cada bono, 180€ no caso de que accedan aos dous máximos, que lles facilitarán ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos participantes no programa.
A resolución que se publicará no DOG tamén establece que os establecementos de aloxamento turísticos e as axencias de viaxes que desexen adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos deberán rexistrarse na web www.bonoturismo.gal a partir do vindeiro martes, 15 de xullo, e o prazo remará o 1 de decembro deste ano.
Poderán apuntarse aqueles establecementos de aloxamento da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade. Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria.
Desestacionalización e promoción do turismo interno
Os bonos turísticos xurdiron no contexto da pandemia de COVID-19, co obxectivo de dinamizar o consumo turístico nun momento de baixo movemento. Desde entón, a iniciativa evolucionou ata consolidarse como un referente na promoción do turismo fóra da temporada alta, que fomenta ademais o sector turismo e as viaxes dentro da propia comunidade.
Durante estes cinco anos (2020-2024), puxéronse en circulación máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5M€ no sector turístico galego. Deles, 2,5 M€ mobilizáronse só en 2024 cando tamén participaron máis de 400 establecementos de toda Galicia.