08 ago 2025

O plan de turismo xerativo de San Xoán de Río preséntase como un referente para a revitalización social, económica e turística do rural

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou en San Xoán de Río na presentación do Plan de Turismo Xerativo deste concello, que conta co apoio da Xunta. Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou a calidade de vida e o benestar do rural galego como atractivos desta proposta turística e que tamén se converten en pilares para unha oferta de turismo xerativo. A presentación do documento desenvolveuse no marco da celebración do primeiro Festival da Lonxevidade, unha das iniciativas que nacen co proxecto.

Precisamente, o Plan de Turismo Xerativo pretende converter a San Xoán de Río nun referente de investigación da lonxevidade e benestar a través do Laboratorio Rural de Lonxevidade. Segundo salientou o director de Turismo de Galicia, “este permitirá experimentar e validar novas formas de vida na Europa rural do futuro, baixo as claves dun estilo de vida máis lento pero activo, conectado á terra e en convivencia coa comunidade”. A iniciativa quere indagar no potencial deste modo de vida para reverter o abandono de áreas rurais e axudar a súa revitalización social e económica.

O Plan está promovido pola Escola de Turismo Xerativo e entre as accións que se presentaron hoxe está a creación dunha Rede Internacional de Pobos Lonxevos, unha plataforma destinada a conectar iniciativas que promoven o envellecemento activo desde o local. Nela participan representantes de España, Portugal e Bélxica, con vontade de expandirse a outros territorios.

A celebración da primeira edición do Festival da Lonxevidade, no que foi presentado o Plan, enmárcase dentro do propio proxecto. Este evento xuntará durante dous días a representantes de comunidades rurais de distintas rexións de España, profesionais da saúde e do ámbito social, investigadores, responsables públicos e veciñanza para reflexionar colectivamente sobre o potencial da lonxevidade como motor de desenvolvemento sostible.

O director de Turismo de Galicia incidiu en que o proxecto alíñase coa estratexia turística da Xunta, “que potencia un modelo de turismo respectuoso co medio ambiente, que valorice o destino e que destaque a súa singularidade, sempre desde a sostibilidade do modelo e a súa integración coa poboación local”.

Arriba