A Xunta e o Instituto de Estudos Valdeorreses colaboran na promoción do enoturismo e o turismo industrial como recursos identitarios deste destino
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a aposta da Xunta pola promoción dos recursos turísticos locais da Comarca de Valdeorras a través da colaboración co Instituto de Estudos Valdeorreses. Entre as accións que se inclúen están as de promoción da cultura vitivinícola da zona, da tradición local e da aposta polo turismo industrial, como elementos definitorios da oferta turística deste destino.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia subliñou que esta colaboración permitirá ademais de poñer en valor os recursos turísticos da comarca, “enriquecelos a partir da investigación e recuperación de coñecemento que leva a cabo esta entidade”. Sen dúbida, este aspecto de análise “redunda nunha oferta turística máis identitaria e máis pegada ao territorio”.
No decurso do acto, procedeuse a presentar a primeira actuación incluída nesta colaboración. Trátase do XII Concurso de Fotografía Manuel Blanco Pascual convocado ao redor do tema ‘O patrimonio que atoparán os peregrinos no Camiño de Inverno’. As persoas que desexen participar terán ata o 8 de outubro para presentar as súas obras. As fotografías premiadas pasarán a formar parte da colección de fotos do patrimonio material da Comarca.
Ademais, o cultura do viño será outra das liñas estratéxicas desta colaboración a través da celebración da semana da historia dedicada á tradición dos viños de Valdeorras e ao futuro do enoturismo na comarca. Xunto con conferencias que versarán sobre o pasado e a tradición vitivinícola, tamén se avanzará sobre as posibilidades que ten a comarca á hora de explotar profesionalmente o enoturismo.
O Camiño de Santiago acollerá tamén unha exposición de espantallos no marco da celebración do II Concurso de Espantallos ‘Os gardiáns das hortas’. Estas pezas colocaranse ao longo do Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras como un modo de humanización e posta en valor da tradición local no Camiño.
Finalmente, o fomento do turismo industrial será o eixo dunhas xornadas sobre o aproveitamento da tradición mineira desta comarca desde o ámbito turístico. Unha mostra incluirá mostras so proceso extractivos de ouro, cobre, ferro, wólfram ou pizarra, entre outros minerais e pedras naturais. Ademais, realizarase un irmandamento entre as dúas institucións culturais máis importantes de Valdeorras e do Bierzo: o Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto de Estudios Valdeorreses.