16 ago 2025

A Mariña lucense amosa un bo comportamento turístico no primeiro semestre de 2025 cun incremento do 10% en noites con respecto ao mesmo período de 2024

“A Mariña lucense consolídase como destino de referencia dentro da oferta turística de Galicia”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que visitou Ribado con motivo das Festas de San Roque. Segundo salientou, “a comarca rexistrou un incremento do 9,4% no número de pernoctacións realizadas durante o primeiro semestre do ano, ata as 141.607 noites, e recibiu 75.869 visitantes entre xaneiro e xuño, un 4,5% máis que no mesmo período de 2024”.

Por mercados, os turistas procedentes do ámbito nacional que visitaron a Mariña Lucense nestes primeiros seis meses supuxeron o 85% do total, mentres que o restante 15% foron de procedencia internacional.

Os bos datos turísticos do xeodestino alíñanse coas cifras do total da comunidade. Durante o primeiro semestre, Galicia sumou un 4,5% máis de visitantes, ata os 2,9M. Ademais, ao incrementar un 3,8% as noites rexistradas, acadou as cifras récord de 4,9M de pernoctas. Crece especialmente o mercado internacional, cun 5,5% máis, ata os 1,17 millóns de turistas -case o 40% do total de visitantes-. O impacto económico ascendeu aos 165M€, un 4,3% máis, coa rendibilidade sumando un 8,7%.

As cifras supoñen ademais un avance na estratexia de desestacionalización da Xunta, con incrementos dun 6,7% de visitantes en xuño un 4,3% en xaneiro e un 3,1% en febreiro.

Xosé Merelles participou na misa solemne na capela de San Roque en Ribadeo. A celebración é un dos puntos centrais das festas de San Roque, patrón da localidade con Santa María de Campo. Merelles recoñeceu a relevancia das festas locais para a oferta turística na comunidade, valorándoas “como un reclamo único” e destacando “a importancia da implicación local para o desenvolvemento do evento”.

 

Arriba