A Xunta destina 120.000€ á financiar proxectos das asociacións de amigos do Camiño de Santiago
Turismo de Galicia publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria das axudas ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación.
En total, concedéronse axudas a 29 proxectos, entre os que se atopan celebracións de xornadas e cursos, programas e exposicións para o coñecemento da cultura xacobea ou a elaboración de guías e manuais. Por rexións, 11 das iniciativas son de organizacións con base en Galicia e 14 teñen sede noutras comunidades de España. Tamén se outorgaron subvencións a entidades doutros países: 2 para asociacións de Bélxica, 1 a Croacia e 1 a China.
A liña de axudas tiña unha dotación total de 120.000€ e o importe máximo concedido por entidade estaba fixado nos 8.000€. As contías outorgadas varían polo tanto entre os 300 e o máximo de 8.000€.
As axudas a asociacións do Camiño e outras entidades queren favorecer as sinerxías entre as distintas organizacións, de cara a divulgar a cultura xacobea e contribuír ao mantemento e difusión das distintas rutas e dos valores asociados a elas. Turismo de Galicia vén convocando desde 2017 estas axudas, que se enmarcan ademais nos compromisos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027 para seguir afondando na colaboración coas asociacións amigas do Camiño de Santiago.