30 ago 2025

Os trens turísticos regresan á Ribeira Sacra e Valdeorras para promover o enoturismo nestas dúas denominacións de orixe

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na ruta do Viño de Valdeorras e Ribeira Sacra dentro da iniciativa ‘Trens Turísticos’ que a Xunta desenvolve en colaboración con RENFE e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). O programa de Trens Turísticos recupera a normalidade nas súas rutas, -especialmente, nesta que transcorre pola provincia de Ourense que sufriu este mes de agosto a vaga de lumes-, apostando polo enoturismo para a posta en valor das denominacións de orixe de Valdeorras e Ribeira Sacra.

Durante a visita, o director de Turismo de Galicia recalcou o potencial da enogastronomía para o turismo na comunidade e, especialmente, na zona, que está incluída no Plan territorial de sostibilidade turística de enogastronomía de Galicia. O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria”, que inclúe once concellos, está dotado con 1,5M€. Súmanse a isto distintas axudas, como a liña de subvencións de 5,5M€ para melloras en establecementos con proxectos en enoturismo, que en xuño se resolveu coa adxudicación a 56 proxectos, 20 na provincia de Ourense.

Merelles lembrou que está previsto que se presente nas próximas semanas unha nova liña de axudas para as empresas turísticas no eido do enoturismo, centradas na mobilidade eléctrica, por valor de 3,5M€.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia aludiu ao impacto dos lumes na comunidade, concretamente, na provincia de Ourense, e compartiu a súa solidaridade cara a todas as persoas afectadas. “A nivel de turismo -destacou-, actualmente podemos falar dun retorno controlado á normalidade, tras semanas de vixilancia para evitar que as persoas visitantes encontrasen dificultades, por exemplo, en rutas do Camiño de Santiago coma a do Camiño de Inverno”, destacou.

Actualmente, todos os tramos están transitables e o impacto é principalmente paisaxístico”, subliñou. Xosé Merelles lamentou as consecuencias de toda esta situación pero confía na capacidade de resiliencia dos galegos para volver a unha certa normalidade e saír aínda máis reforzado como destino turístico.

Referíndose á ruta de Valdeorras, destacou que é un dos 13 circuítos que están previstos para 2025. Xosé Merelles aludiu ao éxito de participación da iniciativa, que a falta de completar varios dos percorridos, pechou xa dúas rutas con todo vendido e ten outras cinco con ocupacións superiores ao 90%.

A do Tren Turístico de Valdeorras inclúe un percorrido por catamarán polo río Sil, visita á adega A Coroa e ao santuario das Ermidas e parada na estación dos Peares, onde haberá unha visita teatralizada. O percorrido terá unha segunda edición o día 27 de setembro.

Datos turísticos xullo

Tamén quixo destacar os bos datos de turismo actuais tras do parón que supuxo a pandemia. En concreto, en xullo incrementouse un 5,3% o número de visitantes á comunidade, ata as 977.000 persoas, que fixeron 2,1 millóns de noites, un 6,6% máis que en 2024. No acumulado do ano, van 3,9M de visitantes na comunidade.

A nivel económico, en xullo os ingresos hoteleiros aumentaron un 10% ata alcanzar os 63,7M€. En total, o sector hoteleiro ingresou 229,2M€ entre xaneiro e xullo, un 6,1% máis que no mesmo período de 2024.

Desestacionalización

Xosé Merelles abundou tamén nos plans para os seguintes meses, de cara a afondar na estratexia desestacionalizadora do turismo na comunidade. Así, realizarase unha nova edición do Outono Gastronómico, que propón paquetes especiais dos establecementos participantes para as persoas visitantes e por último destacou o novo éxito na convocatoria do Bono Turístico, lembrando que os establecementos que o desexen teñen para adherirse á iniciativa ata o 1 de decembro.

Arriba