Turismo de Galicia analiza co sector turístico a situación tras os incendios rexistrados este verán
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo unha reunión con responsables do sector turístico de Galicia para analizar a situación derivada dos incendios rexistrados na comunidade, especialmente o pasado mes de agosto na provincia de Ourense. Na xuntanza estiveron representantes do Cluster de Turismo de Galicia, da Federación Galega de Turismo Rural, da Confederación Empresarial de Hostalería e Turismo de Galicia, e das Asociacións de Axencias de Viaxes, de Albergues Privados e de Turoperadores Receptivos de Galicia.
Durante a reunión, Xosé Merelles, que estivo acompañado polo xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, trasladoulles o interese do Goberno Galego por reactivar a actividade turística nas zonas afectadas a traballar por impulsar a imaxe de Galicia como destino sostible e de calidade. Ademais, escoitou directamente a análise realizada polo sector e avanzou que a Xunta está traballando en distintas accións coa máxima axilidade para que a actividade turística se desenvolva con normalidade nos próximos meses.