05 set 2025

Xosé Merelles adianta que os datos sitúan este verán como o mellor da historia e avalan a política turística da Xunta

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou no Parlamento de Galicia que o modelo en materia turística que desenvolve a Xunta de Galicia está  dar resultados altamente rendibles para o sector e tamén para a economía galega. Así o demostran, dixo, os datos turísticos que indican que nos primeiros sete meses de 2025, 3,9M de viaxeiros visitaron Galicia e fixeron 7,1M de noites, rexistrando un crecemento 5% en cada un destes indicadores.

En canto aos datos económicos, no mesmo períodos o sector tivo uns ingresos de 223,8 M€, o que supón un incremento de 6,1%, e unha rendibilidade que medra preto dun 8%. Os últimos datos referidos ao gasto medio deste ano, indican que medra un 18%.

Na mesma liña avanza o Camiño de Santiago, cada vez máis percorrido polos peregrinos. De feito, ata día de hoxe recolleron a Compostela preto de 380.000 persoas, o que supón un incremento do 5%. Deles, os peregrinos estranxeiros representan o 54%.

“Estamos a bater récords en todos e cada un dos criterios que se teñen avaliado: número e noites dos visitantes, rendibilidade e ingresos no sector hostaleiro, número de compostelas certificadas nos diferentes Camiños e a masiva e positiva opinión dos visitantes que deixan Galicia coa promesa de volver”, asegurou o director de Turismo.

Sobre a adaptabilidade deste modelo a novas circunstancias como puidera ser o cambio climático, Xosé Merelles salientou que “levamos anos preparados para este novo escenario coidando e dando prioridade a aspectos como a calidade, sostibilidade, diversificación e desestacionalización”, pero tamén “traballando pola protección e mantemento do noso patrimonio natural, cultural e gastronómico”.

Isto favorece, en boa parte, que a Xunta estea preparada para dar una resposta rápida a imprevistos como foron os incendios. “Estamos xa traballando para intentar compensar ao sector turístico polas consecuencias derivadas destes sucesos ampliando as axudas xa anunciadas polo Goberno, cunha listaxe de accións na que estamos traballando para impulsar a imaxe do destino, paliar os efectos das cancelacións e ampliar a oferta”, dixo.

Produtos turísticos efectivos

Ademais, o director de Turismo de Galicia tamén se referiu ao éxito e efectividade de produtos como o bono turístico, esgotados en menos de 3 días que inxectará este outono máis de 2,5M€ no sector; o Outono Gastronómico que impulsa o turismo rural e gastronómico nos últimos meses do ano; os Trens Turísticos cunha ocupación media de máis do 90% este ano e tamén Primavera de Portas Abertas, un produto centrado na promoción da riqueza das rutas dos viños.

Xosé Merelles tamén salientou as ferramentas que contribúen a unha planificación axeitada da política turística da Xunta como son os instrumentos de avaliación e monitorización da actividade turística que “nos permiten seguir anticipándonos para captar a evolución e novas tendencias dos novos turistas”.

Todo isto repercute, segundo salientou, dun xeito “cada vez máis importante na economía galega” e tamén na percepción da poboación residente na Comunidade. “O 90% dos galegos valora positiva ou moi positivamente a actividade turística no seu municipio”, concluíu.

Arriba