Xosé Merelles pon en valor o atractivo turístico da Festa dos Callos de Salceda de Caselas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na celebración da Festa dos Callos de Salceda de Caselas, onde puxo en valor o atractivo turístico desta festividade.
Trátase dunha das festas gastronómicas que se celebran este mes na Comunidade galega, que contribúen a diversificar o destino con propostas singulares no rural. De feito, este tipo de celebracións son tidas en conta por parte da Xunta de Galicia á hora de deseñar a súa planificación na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, como recursos que están a axudar a repartir a chegada de visitantes polo territorio, movidos por diferentes motivos, o que contribúe a dinamizar as economías locais.
Con máis de 30 anos de historia, a Festa dos Callos chega este ano á súa 31 edición repartindo 20.000 racións deste prato, e é un dos atractivos da provincia de Pontevedra que rexistrou un incremento de máis do 4 % no número de turistas no primeiro semestre de 2025, con máis de 703.000 visitantes, que realizaron máis de 1,25 millóns noites.