10 set 2025

A Xunta suma máis de 3,6M€ para reactivar a imaxe do destino, incentivar a demanda e paliar a perda de ingresos no sector turístico tras a vaga de incendios

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentaron a batería de medidas de máis de 3,6M€ que porá en marcha para axudar de xeito específico ao sector turístico galego ante os efectos provocados polos incendios.

Como explicou, trátase de catro accións. Un dos principais obxectivos para apoiar aos profesionais do turismo de xeito xeral será o de minimizar o impacto que os incendios puidesen dar de cara ao exterior na percepción e reputación do destino “unha das principais preocupacións que os profesionais turísticos nos trasladaron nas reunións que mantivemos con eles”. Por iso,  explicou, este mesmo outono, a Xunta de Galicia vai poñer en marcha unha campaña xeral de promoción en mercados nacionais cun investimento de 2,6M€ que porá en valor os recursos e oferta complementaria galega. A isto súmase outra microcampaña de difusión para que se poidan promover eses concellos e establecementos das zonas máis afectadas polos incendios “imos inducir a demanda para impulsar a utiliza que utilicen os establecementos destes concellos afectados.

A batería de medidas inclúe propostas para incentivar a demanda con iniciativas como o lanzamento dun novo programa de produtos turísticos que estamos deseñando coa Asociación Galega de Axencias de Viaxe (Agavi) que fomentará as pernoitacións e uso de establecementos turísticos nestes concellos. A campaña se vai difundir a través da rede de Agavi en Galicia e de todas as axencias españolas asociadas á Federación de Axencias de Viaxes de España. A Xunta de Galicia vai financiar o 85% para aloxarse e vivir experiencias turísticas nos establecementos dos concellos afectados. “Mentres os territorios recuperan o seu potencial natural, poden ofrecer aos visitantes unha rica oferta complementaria de enoturismo, gastronomía ou patrimonio que queremos poñer en valor con este novo programa”, explicou Xosé Merelles.

Como terceira medida tamén fixo mención ás cancelacións que tiveron lugar durante o mes de agosto nos aloxamentos das zonas afectadas, para o que a Xunta de Galicia tamén dará resposta a través dunha nova liña de axudas para paliar a perda de ingresos durante o mes de agosto debido a esta situación. En concreto, a Xunta dará o 25% das perdas acreditadas ata un máximo de 2.500 euros por establecemento de aloxamento regrado. Para a súa tramitación a información se poderá ofrecer nos vindeiros días nas novas oficinas situadas en toda Galicia para prestar atención directa as empresas afectadas polos incendios forestais, onde recibirán o asesoramento da man de técnicos para axilizar a tramitación das axudas e ofrecer a información precisa sobre a situación actual.

Bono turístico e Outono gastronómico

Finalmente, o director de Turismo recordou, tamén, unha cuarta medida, esta xa en marcha, que tamén vai contribuír a incentivar a demanda turística especialmente orientada a estas zonas. Fixo mención, en concreto, ao Outono Gastronómico, que combina estadías en casas rurais e gastronomía na que participan preto de 80 casas de turismo rural (varias delas nos concellos afectados) e que comezará o 19 de setembro. Tamén se referiu ao Bono Turístico de Galicia cuxa edición comezará o vindeiro mes 15 de setembro e neste sentido, animou aos establecementos das zonas afectadas a que se adhiran para aloxar a algún dos máis de 16.000 beneficiarios dos bonos turísticos emitidos. Poden facelo ata o 1 de decembro.

Arriba