Os concertos do Xacobeo danlle cobertura á última gran festa do verán en Lugo esta fin de semana co Caudal Fest
A última gran festa musical do verán, o Caudal Fest, chega esta fin de semana a Lugo co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Os Xardíns do Pazo de Feiras e Congresos da cidade amurallada acollerá a sétima edición do evento, no que destacan bandas e artistas de referencia da escena indie pop rock estatal máis querida, como Love of Lesbian, Dani Fernández, Melendi, Duncan Dhu, Alcalá Norte Zahara, Vega, Carlos Ares ou Carolina Durante, entre moitas outras. Así o lembrou no recinto do festival o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a visita á montaxe do evento xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
O Caudal Fest está considerado como o terceiro festival máis grande de Galicia por cantidade de público e unha das citas imprescindibles coa música en directo en todo o terzo norte peninsular ao rematar a época estival. Durante a visita ao recinto do evento, Xosé Merelles salientou que “o apoio da Xunta de Galicia ao Caudal Fest no marco dos Concertos do Xacobeo responde á filosofía da Xunta de apoiar as grandes citas coa música en directo de Galicia, que se erixen como un gran motor económico, turístico e cultural para a nosa comunidade de xeito desestacionalizado ao longo de todo o ano”.
O director de Turismo de Galicia salientou tamén que, “co Caudal Fest, os Concertos do Xacobeo achegarán a decenas de miles de persoas o mellor do indie pop rock nacional actual, favorecendo a proxección da cidade e a súa riqueza, cunha oferta musical de primeiro nivel que sitúa á cidade no circuíto de grandes citas musicais de Galicia, cun público fiel que provén de diferentes recunchos de toda España”.
Xosé Merelles rematou a súa intervención destacando a filosofía dos Concertos do Xacobeo, “un programa amplo e global co que a Xunta de Galicia amosa o seu apoio á música en vivo, consolidando unha liña de traballo estratéxico con proxección de futuro, para continuar a cobertura dos grandes eventos musicais de Galicia nos vindeiros anos”.
Sobre o Caudal Fest
Os días 19 e 20 de setembro, Lugo acollerá de novo a última gran festa musical do verán en Galicia. O Caudal Fest regresa este 2025 cun cartel que reúne ao mellor do indie pop rock nacional actual, con Zahara, Melendi, Love of Lesbian, Dani Fernández, Carolina Durante, Duncan Dhu, Alcalá Norte, Vega e The Rapants, e moitos outros.
Trátase dun festival que nace en Lugo para Lugo e que acolle, tamén, a foráneos de outras cidades, provincias e comunidades autónomas, xerando emprego e impacto socioeconómico positivo dun xeito transversal, non soamente nas empresas da industria cultural local e galega, senón, tamén, na hostalería e outros gremios que reciben una repercusión indirecta do festival. A valoración das pasadas edicións do Caudal Fest foron sempre moi positivas: en 2024, o festival rexistrou 40.000 asistentes, alcanzando un 100% da ocupación hoteleira na cidade.
Neste 2025, o venres 19 de setembro, o Caudal Fest presentará os directos de Love Of Lesbian, Dani Fernández, Duncan Dhu, Niña Polaca, Carlos Ares, Dollar Selmouni, Vega, Yarea, Kike Varela e Lisdexia. Finalmente, o sábado 20 de setembro chegaralle a súa quenda a Melendi, Carolina Durante, Zahara, Elyella, Marlon, Alcalá Norte, The Rapants, Merino, Chicle e Músculo!
Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais ao longo de todo ano sumando máis de 180 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitan neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa está recollido en www.concertosdoxacobeo.gal.