18 set 2025

Galicia e a rexión italiana de Lazio avanzan na promoción conxunta da celebración do Xacobeo 2027

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse en Roma coa vicedirectora de gabinete do presidente de Lazio, Civita di Russo, que estivo acompañada da responsable de Cultura desa Rexión, Silvia Chiave, e da consejera de Cultura da Embaixada de Italia en España, Teodora Danisi. No encontro, Xosé Merelles e os responsables italianos analizaron as distintas actuacións levadas a cabo no marco do memorando de entendemento que asinaron os presidentes da Xunta de Galicia e da Rexión de Lazio o pasado mes de febreiro.

Ademais, tamén avanzaron en distintas accións a desenvolver con motivo do Xacobeo 2027, entre as que se atopan o intercambio de experiencias e a organización de conferencias e exposicións de carácter cultural, musical e tamén cinematográfico na comunidade galega. Atendendo á invitación realizada por Xosé Merelles, a vicedirectora de gabinete do presidente de Lazio valorou a posibilidade de que o presidente desta rexión italiana visite Galicia con motivo do Xacobeo 2027.

Durante a reunión, Xosé Merelles e Civita di Russo analizaron a presentación conxunta dos itinerarios culturais Camiño de Santiago e Vía Francígena que se fará o vindeiro 7 de outubro, no Parlamento Europeo en Estrasburgo. Esta acción está organizada pola  Federación Europea do Camiño de Santiago -que preside Galicia- e a Asociación Vía Francígena. Finalmente, Civita di Russo amosouse interesada en que a súa entidade forme parte da Federación Europea do Camiño de Santiago.

Congreso Xubileo e Xubileos

O director de Turismo de Galicia inaugurou tamén en Roma o Congreso ‘Xubileo e xubileos. Arte, metas e ritos entre Roma e Santiago de Compostela’, que pretende poñer en paralelo o xubileo romano e o compostelán. Na súa intervención, Merelles destacou “a relevancia que tiveron, ao longo da Historia, as peregrinacións a Roma e Santiago para a cultura europea” e chamou a “reflexionar sobre o rico legado cultural das peregrinacións e o especial impacto que tiveron e seguen tendo os anos santos”.

Un legado que, afirmou, é obriga e responsabilidade dos poderes públicos “coidar e manter para que este espírito permaneza vivo nas xeracións futuras”, como se fai desde a Xunta de Galicia. Neste sentido, destacou o Plan Director dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia 2022-2027 como “unha ferramenta de xestión e unha folla de ruta”, no que se promove a mellora do Camiño, á vez que se contribúe á súa promoción.

Merelles aproveitou a ocasión para lembrar o vindeiro Ano Santo Compostelán, que se celebrará en 2027 e no que xa está a traballar a administración autonómica. No que vai de ano, 412.722 persoas recolleron a Compostela tras de percorrer algún dos itinerarios xacobeos, un 5% máis que en 2024. O 56% eran estranxeiras e procedían maioritariamente de Estados Unidos, Italia, Portugal e Alemaña.

O Congreso ‘Xubileo e xubileos. Arte, metas e ritos entre Roma e Santiago de Compostela’ está organizado pola Xunta de Galicia e o Comité Internacional de Expertos no Camiño, en colaboración co Goberno de España e a Sapienza Università, e desenvólvese ata mañá venres, na capital italiana.

Arriba