23 set 2025

Xosé Merelles destaca o traballo da Xunta monitorizando o destino para consolidar o modelo turístico sostible repartido polos concellos galegos

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou en Santiago de Compostela o Foro Local de Turismo de Galicia, organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que se desenvolve baixo o lema ‘Por unha xestión turística sostible, eficiente e consciente’. Durante a súa intervención, Xosé Merelles referendou o compromiso da Xunta de Galicia por un turismo sostible que se está a converter “nun factor decisivo na loita contra o despoboamento rural”, e que sitúa ás persoas no centro e mantén o compromiso coa medio ambiente.

O director de Turismo tamén subliñou os traballos de planificación e ordenación do turismo que se están a realizar desde o Goberno galego. Neste capítulo, Xosé Merelles citou o control de fluxos de visitantes a recursos coma a Praia das Catedrais ou o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e anunciou que se está a traballar precisamente nun estudo para analizar e controlar os fluxos do Castro de Baroña. A mesma estratexia estase a seguir no Camiño de Santiago onde, tras unha primeira fase de instalación de sensores de control de fluxos de peregrinos, se vai acometer unha segunda instalando outros 25 dispositivos que abranguerán todos as rutas xacobeas. Os primeiros resultados falan dun promedio de 1,6 peregrinos por cada compostela entregada.

Todo este esforzo está a dar, a xuízo do director de Turismo de Galicia, importantes resultados. Ata o pasado mes de agosto, a cifra de viaxeiros aloxados ascende a case 4,7M de viaxeiros e realizáronse máis de 8,7M de noites, a falta de coñecer os datos do segmento extrahoteleiro de agosto. Pola súa banda, o Camiño de Santiago tamén está a rexistrar importantes incrementos, con máis de 427.000 peregrinos ata o momento e un ritmo de crecemento do 6% con respecto ao mesmo período de 2024.

Pola súa banda, o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, fixo referencia durante a clausura do foro ás actuacións en materia de turismo financiadas con distintos fondos europeos, así como ás principais novidades da proposta da Comisión Europea do marco financeiro plurianual 2028-2034.

Eficaces ferramentas xa consolidadas

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou as “valiosas e eficaces ferramentas, moitas delas xa consolidadas” para avanzar en sostibilidade turística. Entre as iniciativas e programas desenvoltos pola Xunta neste eido, están as axudas a concellos de menos de 10.000 habitantes que beneficiaron este 2025 a 67 concellos con proxectos que ían desde a mellora da sinalización turística, a iluminación e os accesos a recursos turísticos locais ata a posta en valor de conxuntos patrimoniais.

Na mesma liña, Xosé Merelles referiuse ás axudas destinadas a mellorar a oferta de aloxamento e restauración en concellos do litoral e tamén ao impulso a través dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino ao redor de propostas ligadas ao territorio como son o enoturismo ou o termalismo.

O director de Turismo de Galicia eloxiou a iniciativa da FEGAMP na medida en permitirá intercambiar experiencias e mellorar as políticas en materia turística en aspectos coma a gobernanza, a competitividade, a calidade do servizos e as boas prácticas. Todo isto, contribuirá a avanzar no turismo que estamos a deseñar: “un turismo de experiencias respectuoso co medio ambiente e coas comunidades locais que xere riqueza en todo o territorio”.

Arriba