25 set 2025

Galicia intensifica a súa promoción en Estados Unidos da man da marca ‘España Verde’ co evento enogastronómico e interactivo ‘Norte Diem’

Os socios da España Verde -Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco- darán a coñecer os atractivos turísticos das catro comunidades autónomas en Nova York co evento Norte Diem. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na reunión da comisión de seguimento da marca España Verde que tivo lugar en Santander e salientou que “este é un mercado prioritario para Galicia na medida en que é o segundo país do que recibimos máis visitantes e tamén o primeiro en canto a peregrinos que realizan o Camiño de Santiago”. En 2024, case 400.000 estadounidenses visitaron a comunidade galega e no que vai de ano xa se contabilizan 33.180 peregrinos deste país.

Será o 19 de novembro cando se celebre na cidade estadounidense o acto de presentación desta marca turística no mercado norteamericano, co obxectivo de abrir a internacionalización da España Verde a novos mercados e seguir sumando visitantes estranxeiros.

O evento Norte Diem continuará cun formato que xa se celebrou con éxito en 2023 e 2024, en Frankfurt e en Porto e amosará unha experiencia enogastronómica, artística, audiovisual e interactiva que, coa gastronomía como base, dará a coñecer o patrimonio, a arquitectura e a paisaxe do norte de España mostrando a variedade do destino.

O evento conta coa colaboración da Oficina Española de Turismo de Nova York e está dirixido a operadores turísticos, axencias de viaxes, creadores de contidos dixitais, prensa especializada e personalidades vinculadas á gastronomía, quen poderá degustar un menú con produtos e pratos representativos de cada comunidade.

Promoción en Europa

Durante o encontro desta mañá, tamén se analizaron as accións de marketing e promoción levadas a cabo no que vai de 2025 en Italia, Alemaña, Suíza, Austria e Reino Unido a través de viaxes de prensa en destino e famtrips virtuais, así como en redes sociais e na nova web ingreenspain.es, que este ano se viu enriquecida con novos apartados e máis contidos.

O director de Turismo de Galicia, xunto con todos os responsables turísticos do resto de comunidades coincidiron en destacar “o alto grao de execución do orzamento de 2025” e sinalaron que “o obxectivo é seguir consolidando a internacionalización da marca e dar a coñecer o norte como un destino sostible e cunha oferta de experiencias e produtos diferentes e alternativos a outros destinos españois”.

Así mesmo, valoraron de forma “moi positiva” a aceptación que está a ter a Reserva Ecoturista, o novo produto creado por España Verde con fondos Next Generation, cuxa comercialización se iniciou esta primavera. Trátase dun corredor natural por 25 espazos naturais protexidos das catro comunidades, que ofrece experiencias asociadas ao territorio e que está chamado a converterse no referente do ecoturismo en Europa. Os catro socios apostaron por seguir ampliando a participación de empresas que se adhiran ao catálogo de experiencias actuais.

A marca turística España Verde creouse en 1989 en colaboración con Turespaña para promocionar de forma conxunta a oferta das catro comunidades do norte no estranxeiro.

Arriba