Máis de 23.000 peregrinos continuaron a súa experiencia cara Fisterra e Muxía tras recoller a Compostela en agosto e setembro
Máis de 23.000 peregrinos que recolleron a Compostela en Santiago de Compostela desde o pasado 1 de agosto ata o 21 de setembro continuaron a súa experiencia para rematar en Muxía ou Fisterra cun promedio de ata 400 peregrinos diarios nalgún dos dous puntos. O director de Turismo de Galicia, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presentaron en Muxía os primeiros datos avance dos sensores instalados no Camiño de Fisterra-Muxía que por primeira vez miden o fluxo de peregrinos desde a capital de Galicia ata algún destes dous puntos das costa coruñesa.
Xosé Merelles presentou estes resultados dos dispositivos instalados nesta ruta ao seu paso por Negreira, Dumbría, Muxía e Fisterra, destacando que supoñen un avance cualitativo e cuantitativo no deseño da planificación turística do Camiño con motivo do Día Mundial do Turismo que este ano discorre baixo o lema ‘Turismo e transformación Sostible’.
O director de Turismo de Galicia subliñou que no mes de agosto estímanse que foron 14.369 peregrinos os que remataron o Camiño en Fisterra e Muxía e 8.827 desde o 1 ao 21 de setembro.
Os dispositivos instalados nestas localidades rexistran tamén as persoas que visitan en xeral estes puntos pero as operacións estatísticas permiten discriminar se se trata de peregrinos ou visitantes en xeral. Así, o 30% dos visitantes de Fisterra en agosto e setembro eran peregrinos mentres que en Muxía esta porcentaxe foi do 8%.
Os datos analizados pola Área de Estudos e Investigacións de Turismo de Galicia tamén indican que o promedio diario de peregrinos supera os 130 en Muxía e oscila ao redor 300 en Fisterra tanto en agosto como en setembro, rexistrando unha media de 400 peregrinos nalgún do dous finais.
Xosé Merelles enmarcou estes primeiros resultados na estratexia turística da Xunta de Galicia de coñecer con maior exactitude as cifras tanto cuantitativas como cualitativas dos visitantes e peregrinos co fin de dispoñer de maior información de cara á adopción de medidas e políticas en materia turística. “Estamos a facer un importante esforzo instalando todos estes sensores en todos os camiños oficiais da ruta xacobeo e tamén estamos a controlar as visitas de lugares turísticos coma a Praia das Catedrais e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas”, destacou engadindo que ademais se vai a realizar un estudo tamén sobre os fluxos de visitantes ao Castro de Baroña.
O director de Turismo de Galicia visitou hoxe o albergue de peregrinos de Muxía, pertencente á Rede Pública do Xacobeo, onde quixo poñer en valor o Camiño de Santiago como un referente en sostibilidade e respecto co contorno natural polo que discorren todas as rutas xacobeas, precisamente co gallo da celebración do Día Mundial do Turismo.