Rueda defende en Madrid “Galicia Calidade” como sinal de identidade colectiva na nova campaña turística da Xunta
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, deu a coñecer hoxe en Madrid a nova campaña de promoción turística que o Goberno galego lanzará este outono, cunha mensaxe que pon a calidade como sinal de identidade e carta de presentación de Galicia no mundo: ¿Y si Calidade fuese un lugar?
Na súa intervención, salientou que a calidade non é en Galicia unha etiqueta nin un estándar, senón unha forma de ser e de entender a vida, presente tanto na autenticidade das tradicións como na sustentabilidade coidada do patrimonio natural, na excelencia gastronómica ou na hospitalidade que define ao pobo galego. Neste senso, subliñou que Galicia Calidade transcende o propio selo de recoñecemento e constitúe unha marca-país que engloba produtos, cultura, paisaxe, experiencias e emocións.
Rueda incidiu en que o obxectivo desta campaña é transmitir que Galicia non só é un destino ao que se viaxa, senón unha experiencia que se vive ao longo de todo o ano, ofrecendo unha proposta diversa que combina cultura, espiritualidade, gastronomía, natureza, aventura e benestar.
O titular do Executivo galego destacou que a campaña nace co obxectivo de ser non só unha promoción turística, senón esa marca-país, que mostre a forma de facer as cousas en Galicia, con excelencia. E salientou que a campaña supón un respaldo ao sector turístico galego, recoñecendo o labor dos profesionais que cada día deseñan experiencias únicas para os visitantes.
Bo momento do turismo en Galicia
No plano económico, Rueda puxo en valor a boa marcha do turismo en Galicia. Desde xaneiro a agosto de 2025, a Comunidade recibiu máis de 4,7 millóns de viaxeiros, un 3,6% máis ca no mesmo período do ano anterior. As noites superan xa os 8,7 millóns (+3,2%), os ingresos hoteleiros ascenden a 312 millóns de euros (+5,6%) e o emprego turístico supera os 97.000 afiliados á Seguridade Social, cun incremento do 1,6%. Estes datos, feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e á falta dos do segmento extrahoteleiro (campings, albergues, turismo rural, etc.), confirman, segundo o presidente, a consolidación de Galicia como un destino competitivo e recoñecido tanto a nivel nacional como internacional.
Finalmente, Rueda subliñou que os logros do sector non serían posible sen o esforzo conxunto de axencias, operadores e hostaleiros, aos que agradeceu a súa implicación. A campaña presentada, sinalou, constitúe o primeiro paso dun proxecto a longo prazo para continuar construíndo unha Galicia auténtica, que preserva a súa identidade e á vez se abre ao mundo cunha oferta turística de calidade.
Con presenza en máis de 100 medios de comunicación nacionais, a campaña lanzada este luns prevese que terá un alcance do 84% da poboación española. Manterase activa ata mediados de novembro con insercións en televisións xeralistas, temáticas e autonómicas, xornais nacionais e galegos e medios radiofónicos. En medios dixitais, calcúlase unha suma de máis de 45 millóns de impresións en España. A isto súmase a presenza en revistas do sector turístico e suplementos dominicais, entre outras.