O festival de maxia ‘Galicia Ilusiona’ aumenta a súa programación e celébrase en oito localidades da comunidade co apoio da Xunta
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, presentou o espectáculo internacional de maxia ‘Galicia Ilusiona’ en Cangas, a vila que se suma ás tradicionais sete principais cidades que o viña acollendo nas tres edicións anteriores. A programación do festival, que conta co apoio da Xunta, inclúe 8 citas, a primeira delas terá lugar esta mesma tarde en Cangas, para continuar mañá venres en Lugo.
O director de Turismo de Galicia salientou que este tipo de eventos contribúen a posicionar Galicia como sede de eventos singulares e temáticos que “ademais de teren unha proxección internacional, enriquecen a oferta de turismo urbano do destino”.
Nesta cuarta edición, a organización espera confirmar a alta participación das anteriores citas, ás que acudiron público procedente de 30 países. Así ao longo das catro edicións, serán uns 100.000 espectadores deste festival internacional.
Tras o seu paso por Cangas e Lugo, Galicia Ilusiona poderase desfrutar en Santiago de Compostela esta fin de semana, para logo continuar en Ourense, o 9 de outubro, en Pontevedra o venres 10, en Vigo a fin de semana do 11 e 12; en A Coruña o 16 e 17 e finalmente en Ferrol o 18 e 19 deste mes. En total serán 27 funcións.
A programación inclúe nesta edición a presenza de artistas internacionais multipremiados que visitan Galicia por primeira vez para ofrecer espectáculos únicos. Entre eles, Seimei , un mago manipulador coreano premiado coa variña de ouro de Monte Carlo; a Compañía Mag Edgard, premiada co premio FISM Turín 2025 a mellor espectáculo mundial; Nacho Samena, talento galego emerxente premio nacional de maxia 2024. Representará a Galicia no Festival; David Burlet, artista carismático premio ao mellor malabarista francés durante 3 anos seguidos e o Mago Murphy, presentador e mestre de cerimonias con numerosos premios nacionais ao mellor presentador de galas internacionais, entre outros.