02 out 2025

Xosé Merelles destaca a tradición familiar como valor singular da oferta hoteleira de Galicia

O director de Turismo de Galicia, fixo entrega dun dos premios Gente Viajera de Onda Cero que recoñecen a achega de entidades, empresas e persoeiros á difusión turística dos recursos e atractivos de Galicia.

Concretamente, Xosé Merelles entregou o galardón ‘Gente Viajera a toda unha vida’ á familia Liñares, propietaria do Hotel Costa Vella de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención,  destacou precisamente a tradición familiar deste establecemento, “que impregna o trato coidado e exclusivo ao visitante, toda unha seña de identidade do carácter hospitalario do pobo galego”, afirmou que se une á profesionalidade tamén definitoria da atención turística que se presta en xeral nos establecementos galegos.

O director de Turismo salientou a importancia deste tipo de distincións “que incentivan a labor da sociedade a prol da promoción turística da comunidade”, ao tempo que puxo en valor “a emisión de programas temáticos centrados no turismo como unha fórmula de cruzar fronteiras e chegar a un público máis amplo”.

Os premios ‘Gente Viajera’ recoñeceron nesta segunda edición a achega dos proxectos e empresas como ‘Máis que romántico’ de Beatriz Pérez e María Abuín; Adegas Algueira, de Fernando Algueira; ‘Valdeorras, terras que saben’, do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico; o Restaurante España, de Francisco López e Héctor López; ao pobo do Barqueiro; e a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid.

Arriba