03 out 2025

O 6º Simposio de Clubs Náuticos de España sitúa Sanxenxo no centro da definición do turismo náutico do futuro co apoio da Xunta

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor o turismo de congresos e a celebración de eventos de carácter deportivo que contribúen a desestacionalizar a oferta turística da comunidade. “Estas dúas modalidades conflúen directamente neste encontro que reúne, por unha parte, a celebración dun evento a nivel nacional e, por outra, a práctica deportiva e a oferta náutica de Galicia” destacou na inauguración do 6ª Simposio de Clubs Náuticos de España que reúne en Sanxenxo a responsables de todo o territorio nacional.

Ademais, Xosé Merelles salientou que, segundo datos da Enquisa de Turismo de Residentes (ETR), en 2023 “o turismo deportivo foi o que maior gasto medio diario concentrou con 125,6 € ao día, fronte aos 112,5 € do turismo gastronómico, o seguinte en valor”. Segundo a ETR, que mide o turismo nacional, o turismo deportivo supón o 1,4 % das viaxes dos españois a Galicia.

Neste sentido, o director de Turismo salientou a importante aposta que fai o seu departamento polo turismo náutico cun investimento en 2024 de máis de 3 M€ para a mellora das infraestruturas dos portos deportivos, cofinanciados pola Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou a potencialidade de Galicia no ámbito náutico “grazas á tradición marítima da comunidade e tamén aos máis de 2.500 quilómetros de litoral e ás súas augas cunhas boas condicións para a navegabilidade”. “Galicia está a posicionarse como referente nos grandes eventos náuticos”, afirmou.

O director de Turismo de Galicia eloxiou a elección de Sanxenxo para a celebración deste evento que inaugura a tempada de outono neste concello. “Deste xeito, incentívase a oferta turística coa celebración dun evento de carácter nacional fóra de tempada alta”, subliñou amosando o seu desexo de que se continúen a rexistrar bos indicadores turísticos nesta zona. Entre xaneiro e agosto, máis de 205.000 persoas visitaron a Ría de Arousa e O Salnés, das que só durante o pasado mes de agosto o fixeron 64.372 persoas. 

Arriba