A Xunta pon en valor o papel do deporte para avanzar na plena inclusión das persoas con discapacidade
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron no acto de saída da IV Regata Inclusiva Vigo a Vela, unha iniciativa apoiada pola Xunta e que naceu co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a plena inclusión das persoas con discapacidade a través do deporte.
No acto, a conselleira salientou o importante papel que xoga o deporte de cara a conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade e garantiu o apoio do Goberno galego ás actividades deportivas pola súa relevante contribución a derrubar barreiras e fomentar a integración.
Nesta proba, a única en España das súas características, participan máis de 60 persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual. A regata dispútase durante a xornada de hoxe na ría de Vigo con 11 equipos con embarcacións profesionais e cunha tripulación mixta formada por profesionais da vela, voluntarios e usuarios de asociacións e entidades de persoas con discapacidade física ou intelectual. Cada barco conta cun padriño ou madriña, procedentes do mundo do deporte, a escena social e cultural ou a comunicación.