04 out 2025

A Xunta reforza o seu compromiso cun Camiño de Santiago integrador, inclusivo e sen barreiras

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu na Praza do Obradoiro a un grupo de familias integrantes da Asociación  Nacional de Afectados de Deleción, 1P36 que realizaron o último tramo do Camiño de Santiago desde Monte do Gozo. Esta acción forma parte da programación do VIII Encontro de Familias desta entidade que ten lugar na capital de Galicia co gallo da celebración da súa constitución nesta mesma cidade hai unha década.

Xosé Merelles felicitou á entidade pola súa traxectoria e tamén porque decidisen reunirse e facer un tramo do Camiño de Santiago, que “precisamente, estamos a reforzar para facelo cada vez máis integrador, inclusivo e sen barreiras”. Este ano 2025, culminaron o Camiño de Santiago 228 peregrinos en cadeira de rodas.

Neste sentido, salientou a aposta pola mellora da accesibilidade coma unha das prioridades na elaboración e deseño do Plan Director dos Camiños de Santiago na Comunidade de Galicia 2022-2027, que conta cun investimento global de 140M€. Esta planificación, que marca o seu obxectivo no Xacobeo 2027, pretende avanzar na procura da accesibilidade universal e tamén na dotación de infraestruturas de acollida adecuadas.

O director de Turismo de Galicia lembrou que “a accesibilidade está recollida de forma explícita en dúas das sete liñas estratéxicas principais do Plan” e puxo en valor tamén as actuacións do seu departamento na rede pública de albergues do Xacobeo para renovar e adaptar estas instalacións.

Arriba