Turismo de Galicia licita as obras de mellora da contorna da Torre de Hércules por máis de 930.000 €
Turismo de Galicia publicou na plataforma de contratación da Xunta a licitación das obras de mellora da contorna da Torre de Hércules, declarado Ben de Interese Cultural, por un importe de 930.776,16 euros. As empresas teñen de prazo ata o vindeiro 28 de outubro para presentar as súas propostas.
As actuacións a realizar incluirán a mellora da contorna da Torre de Hércules e a posta en valor dos xacementos arqueolóxicos no interior deste ben. Estas consisten sobre todo na rehabilitación de espazos de uso turístico e melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética.
As obras saen a licitación repartidas en catro lotes. O primeiro deles inclúe unha escavación que complete os traballos realizados nos anos 90 co obxecto de ampliar o coñecemento da Torre. Tamén inclúe a escavación dos desprendementos que non se escavaron naquelas datas e algún outro doutros niveis que facilitan a comprensión do conxunto.
O segundo lote inclúe a renovación das instalacións existentes do alumado ornamental da Torre de Hércules para mellorar a eficiencia enerxética da instalación. O terceiro suporá a realización de traballos de mantemento de elementos estruturais na zona de visitas arqueolóxicas que se deterioraron por distintos motivos ambientais e falta de atención. Finalmente, o cuarto lote será para acondicionar o sendeiro que circunvala a Torre de Hércules, facéndoo máis accesible, seguro e duradeiro.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que inclúe o Plan Xacobeo Next Generation: posta en valor dos BIC do Camiño de Santiago que ten como finalidade de conservar os bens de interese cultural da comunidade e incentivar o seu aproveitamento social e turístico. En concreto, a Xunta xestiona máis de 27 millóns de euros na mellora de 10 BICs galegos.