A rexión polaca de Varmia e Masuria estuda con Turismo de Galicia implantar o modelo de xestión do Camiño de Santiago
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, mantivo un encontro cunha delegación da provincia polaca de Varmia e Masuria que se atopa de visita oficial en Galicia para fomentar a promoción económica e intercambiar experiencias no ámbito xacobeo. En concreto, quixeron coñecer, de primeira man, a experiencia da Xunta na xestión do Camiño de Santiago, que tamén pasa por esta rexión polaca. Desde o pasado mes de xullo, Varmia forma parte da European Federation of Saint James Way, que preside Galicia.
Xosé Merelles puxo en valor a Oficina de Acollida ao Peregrino e tamén o albergue público do Faramello, en Teo, dúas instalacións que a delegación polaca visitou estes días, como referentes do trato e da boa acollida do pobo galego aos milleiros de peregrinos que cada ano percorren o Camiño de Santiago. Precisamente, Polonia é o país europeo, xunto con Portugal, que máis está a desenvolver o Camiño de Santiago no seu territorio. No que levamos de ano, 7.661 peregrinos procedentes de Polonia recolleron a Compostela, o que supón un incremento do 9 % con respecto ao ano anterior.