11 out 2025

Turismo de Galicia intensifica o seu plan de promoción internacional poñendo o foco nos mercados americano, europeo e asiático

O Camiño de Santiago e o destino Galicia segue a espertar o interese en mercados estratéxicos americanos, europeos e asiáticos. Turismo de Galicia continúa no mes de outubro co desenvolvemento de sete accións promocionais dirixidas a xornalistas, influencers e turoperadores, incluídas no seu Plan de promoción para dar a  coñecer o Camiño de Santiago e os recursos turísticos deste destino sostible e de calidade. A Xunta inviste nesta planificación anual 13M€.

Así, en colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) dos Anxeles, un grupo de tres xornalistas dixitais están a realizar unha viaxe de familiarización para coñecer o Camiño Francés. Tamén coñecerán a ruta Mozárabe-Vía da Prata  e a cidade de Santiago de Compostela tres xornalistas e un representante da OET de Nova York. Precisamente, Estados Unidos é o primeiro mercado internacional en número de peregrinos; ata o que vai de ano, xa percorreron o Camiño un total de 38.478 estadounidenses.

Tamén tres xornalistas xaponeses, en colaboración coa OET de Tokio, percorrerán distintos tramos do Camiño de Santiago. Ata o momento, máis de 1.300 xaponeses fixeron o Camiño este 2025 pero esta é unha opción que valoran especialmente dado o vínculo de irmandamento co Camiño Kumano, tamén recoñecida Patrimonio  da Humanidade pola Unesco.

Ademais, un turoperador alemán visitará Galicia para coñecer as potencialidades do destino, e seis representantes de compañías navieiras realizarán unha viaxe de familiarización en colaboración coas Autoridade Portuarias de A Coruña e  Vigo. Estas dúas cidades son as principais receptoras dun turismo de cruceiros que cada tempada gaña máis pasaxeiros. De xaneiro a xullo deste ano, un total de 424.061 viaxeiros chegaron en distintos cruceiros dos que case o 60% chegaron ao da Coruña e o 38% ao de Vigo.

Finalmente,  Turismo de Galicia está a participar no Festival do Viaxeiro 2025 que se celebra na cidade polaca de Wejherowo, en colaboración coa OET de Varsovia. Polonia é o país europeo, xunto con Portugal, que máis está a desenvolver o Camiño de Santiago no seu territorio. No que levamos de ano, 7.661 peregrinos polacos recolleron a Compostela, o que supón un incremento do 9% con respecto ao ano anterior.

Arriba