Galicia enxalza xunto a outras 12 comunidades autónomas o valor do turismo como gran recurso económico
A Xunta de Galicia vén de subscribir a Declaración de Sevilla, un acordo institucional xunto a 12 comunidades autónomas para reivindicar o valor do turismo como gran industria económica, na preocupación pola política sectorial desenvolvida polo Goberno de España e a inacción do Ministerio de Industria en decisións clave que afectan a destinos turísticos.
No marco do Foro Tourism Innovation Summit (TIS) de Rexións Turísticas Innovadoras que se está celebrando en Sevilla -no que está a participar o director de Turismo de Galicia Xosé Merelles- presentouse este documento ao que a Comunidade galega se adscribiu coa intención de “poñer en valor o turismo como unha actividade que está a contribuír á riqueza en Galicia e tamén, desde a cooperación e responsabilidade compartida, rexeitar de xeito contundente a actitude do Goberno de España para atacar e desprestixiar o turismo”, explica o director.
O documento, liderado pola comunidade autónoma de Andalucía, está asinado tamén polas comunidades de Aragón, Cantabria, Castela e León, a Comunidade de Madrid, a Comunidade Valenciana, Extremadura, Galicia, Illas Baleares, Illas Canarias, A Rioxa, Melilla e a Rexión de Murcia. Trátase de comunidades que, xuntas, concentran ao redor do 70% do turismo nacional, acollen o 75% dos turistas internacionais e representan o 80% das chegadas de voos e o 78% do tráfico aéreo nacional.
Sete bloques
A declaración agrupa sete bloques sobre a ruptura do diálogo e ausencia de liderazgo por parte do Goberno central, a defensa do turismo como motor de España, a separación da vivenda e o turismo, cuxas dificultades requiren de accións decididas e non da busca de culpables. Este documento tamén aborda a xestión do crecemento, o respecto competencial e seguridade xurídica das comunidades autónomas, a conectividade como cohesión territorial e o liderazgo da coherencia para impulsar o diálogo e a colaboración mutua na xestión da gobernanza.
De feito, o documento propón un novo marco de colaboración e xestión para reforzar o liderazgo turístico español, reivindica o papel do turismo como gran industria en España, defende o seu papel na economía e marca o camiño para un modelo baseado na sostibilidade, calidade e competitividade. Reivindica tamén as competencias exclusivas das comunidades autónomas en turismo e denuncia a “ruptura da lealdade institucional” por parte do Goberno central evidenciada pola ausencia de convocatoria da Conferencia Sectorial de Turismo desde decembro de 2023.
A través desta declaración institucional, Galicia tamén rexeita o discurso do Goberno central que responsabiliza ao turismo de problemas cuxa orixe está na incapacidade de exercer acción de goberno e de xestión, e busca separar a vivenda do turismo recordando que a crise de acceso á vivenda é un problema estrutural alleo ao turismo e provocado polo fracaso da Lei Estatal de Vivenda e distintos factores que requiren accións contundentes.