Xosé Merelles salienta o impulso da Xunta ao turismo deportivo co Xacobeo de ximnasia rítmica Viravolta-Jael que reuniu máis de 800 deportistas internacionais
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, asistiu á Gala Internacional do Xacobeo de Ximnasia Rítmica Viravolta-Jael 2025, o evento con maior afluencia do IV Torneo Internacional Viravolta-Jael que se celebra no Multiusos Fontes do Sar. Durante o encontro, exemplificou neste torneo -que conta co apoio da Xunta- o éxito que iniciativas deportivas teñen tamén desde o punto de vista turístico.
Neste sentido, salientou o traballo que Turismo de Galicia para impulsar o turismo deportivo, “un segmento no que traballaremos con máis forza durante o ano 2026 para seguir diversificando a oferta e o perfil de visitantes que chegan á Comunidade”. Neste sentido, puxo en valor o Torneo Viravolta que este ano reuniu máis de 800 ximnastas de nove países e 62 clubs, consolidando Santiago como un dos epicentros da ximnasia rítmica europea e atraendo centos de afeccionados e familias de toda Galicia e do norte de Portugal.
Entre as participantes destacaron Darja Varfolomeev (Alemaña), campioa olímpica e mundial; Anastasia Simakova (Alemaña); e as italianas Tara Dragas, Alice Taglietti, Sofia Aciobanitei e Jasmine Ramilo. A Selección Española estivo representada polo conxunto sénior –triple campión de Europa e bronce no Mundial– e polas deportistas Daniela Picó, Alba Bautista, Lucía González e Cristina Korniychuk.
Exhibicións individuais e conxuntas
A gala, presentada pola ex ximnasta olímpica Carolina Rodríguez e o xornalista Carlos García Verdugo, combinou exhibicións individuais e conxuntas cun espectáculo visual e emocional que puxo en valor o talento deportivo e artístico das participantes. Ademais, destacou pola súa vertente solidaria, xa que a recadación íntegra das entradas destinouse á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
O director de Turismo de Galicia salientou o impacto turístico, social e mediático deste tipo de citas, que “contribúen a proxectar Galicia como un destino preparado para acoller grandes eventos deportivos, con valores de superación, igualdade e solidariedade que se identifican plenamente co espírito do Xacobeo”.