02 nov 2025

A Xunta intensifica a promoción do destino Galicia en novembro participando en feiras do sector en Londres, Brasil e Valladolid

A Xunta encara a recta final do ano coa participación en cinco feiras de turismo, co obxectivo de avanzar no seu Plan de Promoción Turística de Galicia 2025 e promover a internacionalización do destino amosando Galicia como proposta única e diferenciada. Para isto, durante o mes de novembro terá presenza no WTM de Londres; Festuris en Gramado, Brasil; Fairway, en Santiago de Compostela; Intur, en Valladolid; e Xantar 2025, que se celebra en Ourense.

A primeira cita será o World Travel Market ou WTM 2025, que se desenvolverá en Londres entre o 4 e o 6 novembro. Esta é unha das tres principais feiras a nivel internacional en termos de repercusión, con presenza de máis de 5.000 destinos, entre os que estará Galicia cun espazo de 50m² dentro do stand de Turespaña. Está enfocada ao público profesional.

O 7 e o 8 de novembro celébrase a 37 edición de Festuris en Gramado, Brasil, feira tamén de carácter profesional. Trátase do encontro de negocios relacionados co turismo máis relevante no sur do Brasil. Nel participa por 18ª vez consecutiva Turismo de Galicia con stand propio, no que promoverá os recursos turísticos da comunidade e, especialmente, o Camiño de Santiago.

Precisamente os itinerarios xacobeos e o negocio e emprego que se xeran ao seu redor son o tema arredor do que xira Fairway 2025, feira bianual que en 2025 cumpre 10 anos chegando á súa sexta edición. A cita desenvólvese do 9 ao 11 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, sendo o primeiro día para o público xeral e os dous seguintes centrados no profesional. Ademais de colaborar na organización do evento, Turismo de Galicia estará cun stand de deseño de 24 m².

INTUR é a Feira Internacional do Turismo de Interior, un referente en España para esta modalidade de escapadas, que combina co turismo de natureza, activo, cultural, enogastronómico etc. A súa 33 edición celébrase do 13 ao 16 de novembro en Valladolid con propostas dirixidas tanto a profesionais como a público xeral. Turismo de Galicia contará cun stand de deseño de 100 m² no que se realizará un obradoiro co selo Artesanía de Galicia.

A última das citas do mes é Xantar. A 26 edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, un evento único no seu tipo, terá lugar en Ourense entre o 20 e o 23 de novembro. A feira constitúe un dos referentes para os destinos enogastronómicos. A entrada e as actividades do certame son gratuítas e está pensada tanto para público profesional como para xeral. Turismo de Galicia levará un stand de deseño de 28m², a través do que promocionar os produtos agroalimentarios de calidade, a elaboración e o servizo profesional, así como as 300 festas gastronómicas da comunidade.

Plan de Promoción Turística de Galicia 2025

A participación nestas feiras enmárcanse no Plan Anual de Promoción Turística de Galicia, que para o ano 2025 contempla realizar máis de 130 accións de promoción turística en arredor de 30 mercados, das que un 76% están centradas en mercados internacionais. En total, estímase un investimento de 13 M€.

Arriba