A Xunta fortalece na World Travel Market a promoción do destino en Reino Unido na procura de afianzar o mercado británico que medra este ano o 13%
Galicia é un destino interesante para o mercado británico. Case 92.000 viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros da comunidade entre xaneiro e setembro deste ano facendo máis de 152.000 noites e realizando un gasto que se achega aos 194M€. Con respecto ao mesmo período do ano pasado, o número de visitantes británicos medrou o 13,27% e o de noites fíxoo un 16%. Reino Unido é o cuarto mercado en número de turistas que visitan a comunidade galega por detrás de Portugal, Estados Unidos e Alemaña. Ademais, entre xaneiro e outubro deste ano, 14.347 peregrinos ingleses recolleron a compostela tras realizar o Camiño de Santiago, unha cifra que medrou o 9% con respecto ao mesmo período do pasado.
A Xunta promociona así a oferta da comunidade tendo en conta que nos últimos anos percíbese un notable aumento de demanda de cara ao Norte de España, destacando o destino Galicia que cada vez esperta maior interese no mercado británico. O 60% de turistas británicos que visitan Galicia fano por vacacións ou ocio, seguido de viaxes por motivos persoais e tamén negocios. O gasto medio deste turista sitúase en 137 euros.
O mercado británico representa o 6,3% do total internacional, incrementando o seu peso con respecto ao pasado ano, que supoñía o 5,8%.
Con estes indicadores, Turismo de Galicia busca intensificar a promoción do destino neste mercado poñendo en valor sobre todo os recursos, produtos e servizos turísticos da comunidade a través da súa participación na feira do sector World Travel Market que celebra a súa 46ª edición en Londres. Trátase dunha cita exclusivamente profesional considerada como unha das máis importantes do panorama mundial do sector turístico. O pasado ano, foi visitada por máis de 45.000 profesionais de todo o mundo e estiveron representados máis de 5.000 destinos.
A WTM acolleu o IV Encontro Sustainable Spain, ademais da IV Entrega de Premios Wanderlust, a principal revista de viaxes do Reino Unido, pioneira na promoción de viaxes auténticos e responsables.
A participación nestas feiras enmárcanse no Plan Anual de Promoción Turística de Galicia, que para o ano 2025 contempla realizar máis de 130 accións de promoción turística en arredor de 30 mercados, das que un 76% están centradas en mercados internacionais. En total, estímase un investimento de 13M€.