A Xunta promove o factor desestacionalizador do enoturismo a través dunha nova edición de Castes 2025
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou na presentación da VIII Feira Independente do Viño Castes. Carmen Pita destacou que a iniciativa, que se desenvolverá ao longo do mes en Vilagarcía de Arousa, avanza na liña estratéxica da Xunta de Galicia de promover o turismo enogastronómico, incidindo no seu carácter desestacionalizador.
En concreto, a gastronomía e a enoloxía contémplanse na Estratexia de Turismo 2030 como recursos estratéxicos para a atracción de visitantes a Galicia. Para isto, desde a Xunta estanse a desenvolver medidas como o Plan territorial de sostibilidade turística de enogastronomía de Galicia, dotado con 34,5M€ destinados a accións dinamizadoras que activen o tecido socioeconómico do territorio. Carmen Pita lembrou que, dentro das Actuacións de Cohesión en Destino que recoñece o Plan, distintas empresas pertencentes ao Val do Salnés recibiron 759.337,57€ en forma de subvencións.
Ademais, desde Turismo de Galicia promociónanse activamente eventos relacionados coa enoloxía, como é a Primavera de Portas Abertas das Rutas do Viño. Esta iniciativa desenvólvese durante o mes de maio, co que potencia tamén a capacidade do enoturismo como elemento desestacionalizador do destino.
Castes 2025
Castes concíbese como un proxecto consolidado de enoturismo, que busca promover a cultura do viño e a riqueza enogastronómica da rexión. O acto central é a VIII Feira Independente do Viño Vilagarcía de Arousa, que reúne ás cinco denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia, xunto con referentes de España, Portugal, Italia, Francia e Alemaña. Está prevista a participación de máis de 100 adegas e 400 profesionais.
Malia que a feira propiamente dita se celebra o día 23 de novembro, o programa inclúe unha serie de actividades paralelas que se espallan ao longo do mes, comezando xa o día 5 co primeiro dos cursos de iniciación á cata de Aula Castes. O día 7 celébrase o Túnel do Viño, unha cata que busca contextualizar os viños na súa contorna. O 13 celebrarase a precata de Premios Castes, cun xurado mixto formado por sumilleres de ampla traxectoria.
Do 21 ao 23 de novembro concéntranse a maior parte das actividades. Durante os tres días haberá actuacións musicais baixo a clave Castes The Musical. Na xornada do 22 celebrarase a terceira edición do Castes Late Wine, con mesas redondas e entrevistas abertas a todos os públicos que rematarán coa entrega dos premios Castes do Viño. O día 23 é o da propia VIII Feira Internacional do Viño, así como do VIII Aberto Internacional de Cata 2025, o campionato de cata por equipos, onde 90 profesionais e Wine Lovers loitarán polo primeiro premio.
Para pechar, entre o 24 e o 27 de novembro, a cuarta edición da iniciativa Castes Rules achegará a profesionais do sector vitivinícola ás adegas e viñedos, a través de visitas guiadas cos que coñecer de primeira man os proxectos da rexión.