08 nov 2025

A Xunta impulsa a experiencia do Camiño de Santiago no mercado canadense

A Royal Canadian Geographical Society (RCGS) en Otawa, un dos centros culturais e científicos máis relevantes de Canadá, acolleu a presentación do Camiño de Santiago promovida por Turismo de Galicia dentro do seu Plan de Promoción deste 2025. Con esta acción, a Xunta non só promove a experiencia xacobea senón que contribúen a fortalecer os lazos de cooperación cultural entre España e Canadá.

Turismo de Galicia levou a cabo esta acción en colaboración tamén co departamento de Turismo de Asturias e coa Embaixada de España en Canadá. A promoción dos valores universais e todo o que implica o Camiño de Santiago, Patrimonio Mundial da UNESCO,  entronca ao mesmo tempo coa misión histórica da RCGS ao tempo que contribúe a reforzar o carácter institucional e a proxección cultural de España en América do Norte.

O evento incluíu unha mostra de carácter innovador e inmersivo que permitiu ao público percorrer simbolicamente as etapas do Camiño de Santiago mediante estacións temáticas que inclúen desde espazos de información turística de Galicia e Asturias ata material divulgativo e outros elementos propios da experiencia xacobea coma o pasaporte do Camiño e as cunchas de vieira representativas do Camiño. Tamén se proxectaron varios vídeos que poñen en valor os distintos e variados recursos turísticos das comunidades. Ademais, o público puido coñecer a calidade da gastronomía do camiño con mostras de produtos típicos das dúas comunidades.

O mercado emisor Canadá cara a España caracterízase, nos últimos anos, por un crecemento continuado, cun viaxeiro cun alto nivel de gasto e un interese en experiencias auténticas e de calidade.

Promoción en Festuris

Tamén estase a celebrar en Gramado, no Estado de Río Grande do Sul, a 37ª edición de Festuris, a feira turística profesional de maior repercusión en América Latina. O pasado ano participaron nesta cita 2.700 marcas de 53 destinos internacionais e máis de 15.000 profesionais.

Brasil é un importante mercado emisor para Galicia, cun extraordinario interese pola peregrinación xacobea. Nos sete primeiros meses deste ano 2025, visitaron Galicia  18.000 turistas de Brasil que fixeron 133.000 noites, rexistrando neste indicador, un incremento do 20% con respecto ao mesmo período de 2024. Precisamente, o pasado ano, o gasto do turismo brasileiro en Galicia ascendeu a 27,9 millóns de euros, cifra que supera o dato do anterior 2023 -nun 40% en particular- e que supón o 1,4% do total internacional.

No que se refire ao Camiño de Santiago, os primeiros dez meses deste ano 2025 rexistráronse 8.091 compostelas de peregrinos procedentes de Brasil, cifra que supón o 2,8% do total internacional e que supera nun 17% o nivel do mesmo período do pasado ano.

Precisamente en Brasil existen 19 asociacións dedicadas ao Camiño de Santiago. Por isto, o director de Turismo, Xosé Merelles estivo presente no pasado mes de xuño en Porto Alegre, onde se levaron a cabo diferentes actividades relacionadas coa cultura xacobea, como a exposición Iacobus Gaudet. Os Camiños de Santiago en Galicia.

Por 18ª vez consecutiva, e ante a boa acollida do destino Galicia en Festuris, a comunidade está representada cun stand propio de 24m2 para difundir os recursos turísticos ante touroperadores, axentes de viaxes, empresas de servizos turísticos, medios de comunicación e creadores de contido. Deste xeito, Turismo de Galicia continua a labor de afianzar e incrementar a inclusión de Galicia nas súas programacións dentro dun mercado cada vez máis interesado en descubrir valores do destino Galicia máis alá da meta do Camiño.

Arriba