Gómez Caamaño destaca as achegas do doutor Gestal ao progreso da saúde pública e da hidroloxía médica en Galicia
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou as achegas do doutor Juan Gestal Otero ao progreso da saúde pública e da hidroloxía médica en Galicia.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, interveu no acto de entrega da Medalla da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, celebrado na Facultade de Medicina, en conmemoración, tamén do XL aniversario da entidade.
Na súa intervención no acto, o conselleiro destacou algúns dos fitos acadados no ámbito laboral e académico polo profesor Gestal, entre os que citou que foi director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade; que é académico numerario da Real Academia de Medicina e da de Farmacia; é profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública; e director da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, o que dá conta da súa contribución á saúde da cidadanía galega.
Tamén destacou a Asociación de Balnearios de Galicia como motor de dinamización económica e social, que leva corenta anos representando e promovendo o termalismo galego. Así mesmo, promove a formación de profesionais médicos para darlle valor á auga desde un punto de vista terapéutico, contando cunha Cátedra de Hidroloxía Médica en colaboración coa USC.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, constatou a relevancia do termalismo para a oferta turística da comunidade, a segunda en Europa con máis de 300 mananciais e sete das oito clases de augas mineromedicinais que se distinguen.
Xosé Merelles abundou no traballo do seu departamento para potenciar este recurso, a través de iniciativas como o Plan de Turismo Termal 2025-2028, dotado con 10 M€, ou as distintas liñas de axudas para o desenvolvemento de novos proxectos ou a rehabilitación de establecementos. Así mesmo, o director da Axencia lembrou o apoio á Cátedra de Hidroloxía Médica, cuxo director, Juan Gestal, foi recoñecido coa medalla Balnearios de Galicia durante o evento.