Xosé Merelles inaugura o I Congreso sobre Vivendas de Uso Turístico
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou o I Congreso sobre Vivendas de Uso Turístico que se celebrou en Sanxenxo onde destacou que Galicia foi pioneira cando en 2017 publicou o decreto que regula, entre outros, este tipo de aloxamentos, e que xa establecía a competencia de concellos e comunidades de veciños para que poidan ordenalas nos seus territorios. En Galicia existen na actualidade máis de 26.500 vivendas de uso turístico.
O I Congreso sobre Vivendas de Uso Turístico está organizado pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA) e neste sentido, o director de Turismo de Galicia puxo en valor tamén a fórmula asociativa para unir intereses e alcanzar obxectivos comúns.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles tamén salientou a colaboración que mantén a Xunta de Galicia con esta entidade que permite entre outras accións a organizacións formativas dirixidas a mellorar o servizo e atención que se prestan, así como á actualización da normativa que lles afecta á hora do seu funcionamento. Tamén colaboran na sincronización e o coñecemento de novas aplicacións dixitais de rexistro de viaxeiros que operan en Galicia, facilitando así o envío único dos datos dos visitantes.