01 dec 2025

A Xunta recoñece o valor da cociña tradicional galega na entrega dos primeiros Premios da Cociña Galega

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na entrega dos Premios da Cociña Galega que se convocaron este ano por primeira vez e que contaron co apoio de Turismo de Galicia. No acto recoñeceu o valor da cociña tradicional galega que, como indicou, “está a posicionarse cada vez máis como un recurso turístico cada vez máis atractivo que outorga autenticidade e tradición ao destino galego".

Durante o acto, agradeceu aos Amigos da Cociña Galega a iniciativa de poñer en marcha estes recoñecementos que premian aos profesionais que apostan pola tradición, que cociñan con produto e recuperan a tradición culinaria galega. Neste sentido, Xosé Merelles, subliñou que este obxectivo alinéase co da Xunta de Galicia que está a traballar por reforzar a súa aposta pola gastronomía como recurso turístico con iniciativas como o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística (PSTD) Enogastronomía de Galicia que conta cun investimento de máis de 34 M€ con fondos europeos Next Generation e cuxa execución culmina en 2026.

Ao redor deste plan, como indicou, a Xunta de Galicia está a contribuír a renovar a oferta turística ao redor da gastronomía “renovando e modernizando toda a oferta gastronómica do noso destino, nas adegas e establecementos e tamén apostando pola culminación de proxectos repartidos por todo o territorio que van a contribuír aínda máis á promoción e excelencia da nosa enogastronomía”,

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia puxo en valor as accións impulsadas directamente pola Xunta de Galicia para fomentar a mobilidade sostible en establecementos e adegas das cinco rutas do viño, ás que se destinan 4 M€; á promoción do enoturismo con 5,5 M€ e tamén a creación do Hub Gastronómico para impulsar a formación ao redor da enogastronomía como experiencia turística que suma 3,5 M€.

Turismo en crecemento

O director de Turismo destacou ademais que en 2024 visitaron Galicia atraídos pola enogastronomía, máis de 163.000 turistas, o 1,6% do total de visitantes dese ano, sendo o gasto medio asociado ao turismo gastronómico de 119,5€, moi superior á media do gasto do turista nacional (57,9€). “Todas estas cifras, xunto coa oferta propia e de calidade de Galicia no ámbito enogastronómico, xustifica o papel que ten a enogastronomía na planificación da Xunta de Galicia”, afirmou.  

Arriba