A Xunta avanza na posta en marcha dun produto turístico transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal
O director de Competividade de Turismo de Galicia, Iván Meléndez, participou na Xornada Networking Empresarial Galicia-Norte de Portugal que se celebrou na Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, no marco do proxecto europeo Clustertur GNP, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración con Agrupación Europea de Cooperación Interterritorial Galicia-Norte de Portugal e a Associaçao de Turismo do Porto para mellorar a competitividade do ecosistema turístico desta Eurorrexión e contribuír a xerar actividade e emprego durante todo o ano.
Durante a súa participación, Iván Meléndez salientou a cohesión que existe entre os dous territorio transfronteirizos e as alianzas históricas que teñen frutificado en proxectos en común de distinta índole. Neste caso, destacou as oportunidades que xorden no ámbito turístico, cuxa oferta dos dous territorios se caracteriza pola importancia da paisaxe, o patrimonio, a gastronomía e a tradición nos dous destinos: Galicia e Norte de Portugal.
Ademais, o director de Competitividade de Turismo de Galicia puxo en valor tamén o Camiño de Santiago que vertebra os dous territorios e os espazos naturais a ambos lados da fronteira. Precisamente, o proxecto Clustertur GNP prevé a realización de distintas accións de traballo en rede, que favorezan a creación de produto turístico transfronteirizo, así como a venda intrarrexional.
Tamén se contempla o desenvolvemento dunha estratexia de promoción e comercialización do destino, dirixida tanto ao mercado ibérico como a outros países, entre eles Francia, Italia, Estados Unidos e Canadá.
Trala apertura da xornada, na que se presentaron tanto o destino Galicia coma o Norte de Portugal, a iniciativa continuou cun relatorio sobre a necesidade de xestores de mercado de turismo nas dúas zonas, e outras conferencias sobre Galicia como destino sostible e a conectividade da Eurorrexión. O proxecto continuará o vindeiro venres, 12 de decembro, con outra xornada nesta ocasión protagonizada por operadores turísticos de España e Portugal.
O país luso constitúe o primeiro emisor de turistas para Galicia, unha tendencia que se mantén nos últimos anos. Entre xaneiro e outubro deste ano, visitaron Galicia un total de 252.503 portugueses. Ademais, ata a actualidade 22.647 peregrinos daquel país recolleron a Compostela tras finalizar o Camiño de Santiago.