12 dec 2025

Turismo de Galicia reforza a oferta turística de Santiago coa inauguración do Belén Popular da Catedral

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou o Belén Popular da Catedral na Igrexa de Santo Agostiño, que xunto co Belén Napolitano instalado na Igrexa do Convento do Carme, forma parte do patrimonio eclesiástico grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Durante a súa intervención, Xosé Merelles, destacou o seu papel das dúas composicións como “recursos fundamentais para reforzar a oferta turística nestas festa do Nadal na comunidade, e sobre todo, en Santiago de Compostela”.

Xosé Merelles, que estivo acompañado polo deán da Catedral, Manuel Jesús Formoso, subliñou o dobre obxectivo marcado pola Xunta para estas datas: avanzar na desestacionalización ―cada vez con máis visitantes atraídos polas propostas de inverno― e impulsar a descentralización do turismo mediante unha ruta do Nadal que conecta desde o máis rural ata o máis urbano”, con beléns, mercados e actividades distribuídas por toda Galicia.

Tamén puxo en valor o impulso ás actividades complementarias que adquiren tamén importancia nestas celebracións, coma o turismo gastronómico e as mostras de artesanía.

Precisamente, toda esta oferta está incluída no produto Nadal en Galicia que inclúe unha ampla proposta de actividades e eventos relacionados con estas festas repartida por toda a Comunidade.

O Belén Popular da Catedral, unha das montaxes máis destacadas da comunidade, permanecerá aberto ata o 11 de xaneiro e conta cunha escenografía de preto de 70 m² realizada en estilo napolitano, con arredor de 530 figuras artesanais de Nicolás Almansa, algunhas delas articuladas.

Situado na Igrexa de Santo Agostiño, esta composición ofrece escenas litúrxicas tradicionais e representacións da vida cotiá propias deste estilo orixinario de Nápoles, converténdose nun punto de encontro grazas á colaboración entre a Catedral de Santiago e Turismo de Galicia. Este belén complétase co napolitano tamén propiedade da Catedral de Santiago, aberto ao público na Igrexa do Convento do Carme.

Arriba