Rueda destaca Galicia Calidade como a marca dunha comunidade que avanza e aposta pola excelencia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a importancia da marca Galicia Calidade, que define un modo de facer as cousas na comunidade e que proxecta a imaxe dun territorio que avanza e a aposta pola excelencia.
Durante un acto ao que asistiron deportistas, empresarios, científicos, artistas, profesores ou enxeñeiros destacados da comunidade, o presidente explicou que Galicia Calidade é unha gran marca de país que simboliza tanto o que se fai na actualidade na comunidade como o camiño a seguir nos vindeiros anos. Destacou que este lema vai permitir atraer investimentos e visitantes á vez que contribúe a que os galegos se sintan máis orgullosos da súa terra.
Na súa intervención, Rueda fixo fincapé na evolución de Galicia Calidade -que naceu como empresa pública hai 30 anos-, un concepto que vai máis aló dun selo e que ten moito futuro. O presidente salientou que grazas a esta marca se seguirán certificando os mellores produtos galegos, mellorará a competitividade das empresas galegas no exterior e servirá para atraer novos proxectos á comunidade e mellorar a imaxe desta terra nun horizonte marcado ademais pola celebración do Xacobeo 2027 que atraerá a milleiros de visitantes á Galicia.
Rueda fixo fincapé en que Galicia Calidade identifica o bo facer en moitos eidos. Por iso, asegurou que Galicia Calidade son os produtos da terra e do mar, a gastronomía, as empresas galegas, e o rico patrimonio histórico e cultural da comunidade, pero tamén outros fitos acadados nos últimos anos. Nesta liña, lembrou que Galicia é a única autonomía onde a educación é gratuíta desde as escolas infantís ata a universidade; que vai ser a primeira comunidade en poñer en marcha o seu propio Centro de Protonterapia para avanzar na loita contra o cancro e que albergará unha das seis novas fábricas de intelixencia artificial que hai en Europa.
Por último, salientou que Galicia Calidade é unha marca de todos os galegos para chegar a todo o mundo e agradeceu o labor diario de todos os asistentes ao acto xa que asegurou que un dos mellores exemplos do que significa esta marca é o capital humano co que conta esta terra.