Rueda aposta por fomentar iniciativas turísticas que contribúan á diversificación e á desestacionalización
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por seguir fomentando iniciativas turísticas que contribúan á diversificación da oferta e á desestacionalización da afluencia de viaxeiros, co obxectivo de seguir avanzando cara un turismo de calidade e sustentable.
Así o sinalou durante a súa participación na inauguración do Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas, situado no rehabilitado Pazo de Quintáns de Sanxenxo. Trátase dun proxecto do concello que foi financiado ao abeiro do Plan territorial do litoral, impulsado polo Goberno galego e dotado con máis de 29,3 millóns de euros de fondos europeos Next Generation. Ao respecto, Rueda destacou o valor de “recuperar un Pazo con todo o que supón a súa arquitectura e historia”.
O titular do Executivo autonómico valorou así a importancia desta iniciativa, que aposta por recuperar patrimonio ao tempo que dá un impulso ao turismo gastronómico, un segmento con alto valor, xa que este tipo de turista xera un gasto medio maior ao da media, e un “expoñente perfecto de Galicia Calidade”.
Neste sentido, cómpre sinalar que o Goberno galego traballa por impulsar o turismo enogastronómico en toda a comunidade a través de diversas iniciativas, como co Plan territorial enfocado neste ámbito, que conta cun investimento de 34,5 millóns de euros de fondos europeos. Así, Galicia estase consolidando como un dos grandes destinos enogastronómicos da península ibérica e de toda Europa.
Cifras turísticas
O presidente tamén fixo fincapé na boa saúde turística da comunidade, sinalando que “non sobra ninguén” co obxectivo de que os turistas veñan “cada vez máis repartidos durante o ano”.
Galicia rexistrou máis de 6,6 millóns de viaxeiros ata outubro, o que supón un 2,7% máis que no mesmo período do ano pasado. Esa tendencia á alza tamén se detecta na afluencia de peregrinos, que se sitúan en decembro preto dos 529.000, un 6% máis que no mesmo período ano anterior.