O Rondallas Fest reforza co apoio da Xunta a tradición e a desestacionalización do turismo no Sur de Galicia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que o novo Rondallas Fest, que se celebra en Mos, “nutre a oferta turística do Sur de Galicia cunha proposta musical de forte arraigo popular, ao tempo que contribúe á desestacionalización e pon en valor a tradición como motor de activación turística”.
O director enmarcou esta primeira edición do evento dentro da aposta de Turismo de Galicia por iniciativas que “reforzan a identidade dos territorios, crean sinerxías entre o ámbito cultural e o audiovisual e dan visibilidade ao patrimonio inmaterial galego”. O certame musical que se iniciou esta tarde conta con 17 agrupacións federadas, consolidando Mos e a provincia de Pontevedra como referentes culturais dentro do xeodestino Ría de Vigo–Baixo Miño.