A Xunta organiza unhas xornadas de seguimento dos proxectos executados con Fondos Europeos que avanzan na renovación da oferta turística de Galicia
Turismo de Galicia vén de organizar unha xornada de seguimento dos plans e proxectos executados con Fondos Europeos e que deberán estar finalizados o vindeiro 2026. A iniciativa está dirixida a técnicos dos distintos programas e ten coma finalidade realizar un seguimento da última fase de execución ao tempo que se solucionan dúbidas e cuestións relativas á execución dos mesmos. A execución de todas estas actuacións permiten mellorar, renovar e completar a oferta turística galega da man da sostibilidade.
A xornada desenvolverase na Cidade da Cultura e será inaugurada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles no decurso dun acto no que tamén participará a directora xeral de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado de Turismo, Ana Muñoz. A continuación, xestores dos Plans de Sostibilidade Turística de Destino exporán o punto de execución no que se atopan. En concreto, durante as sesións de traballo analizarase o desenvolvemento dos tres Plans Territoriais impulsados pola Xunta: o do litoral que supón un investimento de 29,4M€; o de enogastronomía dotado con 34,5M€ e o de vilas termais e cascos históricos con 23,23M€
O Plan Territorial do Litoral pretende mellorar e potenciar o litoral galego actuando sobre recursos naturais, culturais e patrimoniais e sobre as infraestruturas e equipamentos, concienciando sobre a súa conservación, apostando pola súa rehabilitación e destacando o seu valor como reclamo turístico, promovendo á súa vez, a xestión sustentable desde os destinos e potenciando o territorio litoral.
O Plan Territorial Enogastronómico de Galicia xira o redor da enogastronomía como elemento diferenciador da oferta turística galega e motor dinamizador do tecido socioeconómico do territorio situando o turismo de gastronomía e enoloxía como unha experiencia para situar Galicia como destino turístico internacional. Está composto por 3 Actuacións de Cohesión en Destino (ACD); 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) impulsados por entidades locais e 2 do Plan Nacional de Enogastronomía.
O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia impulsa o turismo termal e histórico-cultural sostible en Galicia mediante o fortalecemento e a posta en valor dos seus recursos termais, naturais e culturais, integrando estratexicamente a oferta turística e converténdoa en produtos innovadores e atractivos para todo o ano. Está composto por 1 Actuación de Cohesión en Destino (ACD), 7 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) impulsados por entidades locais e 1 Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD).
Finalmente, Turismo de Galicia tamén xestiona 31M€ a través no marco do Plan Xacobeo Next Generation que inclúe Actuacións de Cohesión en Destino (ACD), o proxecto Galicia destino cicloturismo, o de revalorización da Ruta Xacobea Marítimo-Fluvial e accións para a dixitalización dos Camiños de Santiago. Da man deste financiamento, estase dinamizando e diversificando a ruta xacobea, ampliando a capacidade aloxativa e mellorando o seu patrimonio.