O espectáculo de maxia Reinventio enriquece a programación ‘Nadal en Galicia’
A programación ‘Nadal en Galicia’ proposta por Turismo de Galicia enriquécese este ano co espectáculo Reinventio, unha cita de gran formato, que conta co apoio deste departamento, que combina maxia, danza e artes circenses.
O público ourensán poderá gozar do espectáculo de maxia no Auditorio Municipal de Ourense e posteriormente, este espectáculo visitará o Teatro Afundación de Pontevedra, o Auditorio Fuxa os Ventos, de Lugo, o Teatro Colon para o público da Coruña e finalmente a xira rematará en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia. Reiventio tamén estivo no mes de decembro en Ferrol e Vigo.
Reinventio combina números de ilusionismo, acrobacias e danza contemporánea nunha proposta de 90 minutos que aborda a ilusión, a superación e o espírito transformador do Camiño de Santiago. A dirección artística corre a cargo do ilusionista ferrolán Martín Varela, xunto coa coreógrafa Mercedes Suárez e a compañía Druida Danza, profesionais galegos de ampla traxectoria que integran elementos de danza clásica e contemporánea con técnicas circenses innovadoras, acompañadas dun coidado deseño escenográfico, musical e lumínico que reforza o carácter visual e emocional do espectáculo.
Ademáis, baixo a marca Concertos do Xacobeo, Morgan actúa en Santiago de Compostela no marco do ciclo musical Intermodal 2025. Precisamente, este mesmo evento incluíu a actuación de Mariza na Coruña a comezos de decembro tamén no marco de Concertos do Xacobeo. Grandes del Gospel, na cidade herculina, e Gilberto Santa Rosa, en Vigo, foron outras citas, impulsadas por Turismo de Galicia dentro de Nadal en Galicia.
Estas citas inclúense na programación de Concertos do Xacobeo que comprendeu este 2025 o apoio da Xunta a 188 concertos, ciclos e festivais que chegaron a 76 localidades de toda Galicia, sumando unha asistencia global de 1,5 millóns de persoas. A celebración de todos estes eventos contribuíron á desestacionalización da actividade turística e da oferta, xa que 33 eventos tiveron lugar no primeiro semestre do ano, ou o que é o mesmo, o 17% de todos os eventos foron nese período. Ademais, a partir de setembro celebráronse a maior parte de eventos: un total de 58 (31%). En total, o 48% dos concertos se celebraron fora dos meses de verán (xullo e agosto).