O Centro Superior de Hostelería de Galicia anuncia o seu calendario de xornadas de portas abertas para 2026
O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) continúa a celebrar durante os sábados dende xaneiro ata xuño, xornadas de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer a súa oferta académica e as instalacións nas que se imparte formación do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.
As visitas, dirixidas a mozos e mozas e tamén ás súas familias, desenvólvense os sábados en horario de 10:45 a 13:00 horas. Acompañadas polo persoal do centro, as persoas asistentes percorren as instalacións —aulas, simuladores de restaurante e hotel e residencia estudantil— e reciben información detallada sobre as titulacións, a metodoloxía teórico-práctica, as prácticas na escola e as estadías anuais en hoteis, así como sobre requisitos de acceso, matrícula, prezos de servizos, bolsas de estudo, exencións e outros aspectos de interese.
Os estudos do CSHG contan cunha alta inserción laboral, grazas ao seu programa de estadías en empresas, que se estenden tres meses por curso, agás no último ano, no que a duración é de seis meses. Ademais, cada ano máis de 20 empresas e compañías visitan o centro e entrevistan ao alumnado para as prácticas de verán. O CSHG dispón dunha ampla rede de contactos con cadeas hoteleiras e empresas turísticas, reforzada tamén polo papel do seu alumnado egresado, que ocupa postos destacados no sector e facilita o networking e novas oportunidades profesionais.
De cara ao ano 2026, o CSHG presenta o seu calendario de Xornadas de Portas Abertas, unha iniciativa pensada para que futuros estudantes e familias poidan coñecer de primeira man o modelo formativo do centro. Debido á elevada demanda, a xornada prevista para o 17 de xaneiro xa se atopa completa.
O CSHG imparte o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, que combina formación teórica e práctica desde o inicio e presenta unha alta empregabilidade, próxima ao 95 %. O centro conta con 90 prazas de novo ingreso, que se cubriron na súa totalidade no pasado curso, reflexo da elevada demanda.
Co fin de facilitar a asistencia e evitar coincidencias con festivos autonómicos, estatais ou períodos vacacionais, o calendario de xornadas para 2026 será o seguinte: o 31 de xaneiro; o 14 e 28 de febreiro; o 7 e 28 de marzo; o 11 e 25 de abril; o 9 e 23 de maio e o 6 e 20 de xuño.
Así mesmo, o CSHG ofrece a posibilidade de realizar visitas entre semana, con cita previa, pensadas para familias e futuros estudantes que prefiran coñecer o centro de maneira personalizada sobre os estudos e a vida académica.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do seguinte enlace https://www.cshg.gal/gl/oferta/conecenos. Para máis información, poden chamar ao 981 542 559 ou ao 981 542 593, ou enviar un correo electrónico a info.cshg@xunta.gal.