02 xan 2026

A Xunta impulsa con 100.000 € un novo proxecto de sinalización turística e embelecemento en Pereiro de Aguiar como porta da Ribeira Sacra

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron os resultados do novo proxecto de sinalización turística e embelecemento de accesos a recursos turísticos do concello de Pereiro de Aguiar posto en marcha co apoio da Xunta. Unha iniciativa coa que, como dixo o director de Turismo, se pon en valor este concello ourensán como porta natural desde a capital da provincia á Ribeira Sacra e que contou cun investimento de 100.000€.

Como indicou durante o acto,  estas actuacións permiten que Turismo de Galicia afonde no seu obxectivo de diversificar a oferta turística galega e mellorar os servizos dos concellos do rural “coa intención de distribuír os beneficios que a actividade turística xera nos lugares nos que se desenvolve”.

Ao mesmo tempo, engadiu que esta actuación, en concreto, é “estratéxica para seguir planificando e preparando un destino como Ribeira Sacra, que o pasado ano recibiu a visita de máis de 170.000 viaxeiros e que é un dos que ten un maior potencial de crecemento con vistas, ademais, ao proceso de declaración como Patrimonio Mundial no que se atopa”, expresou. Neste sentido, recordou que esta iniciativa enmárcase no traballo que está facendo o Goberno autonómico desde o punto de vista turístico para a posta en valor deste territorio e a súa protección e conservación con iniciativas como a recente adhesión, a iniciativa de Turismo de Galicia, á Carta Internacional de ICOMOS para o turismo cultural patrimonial. “Unha guía que permite traballar entre todos para alcanzar un equilibrio entre a actividade turística, residentes e conservación do rico patrimonio do destino”, engadiu Xosé Merelles.

Melloras na sinalización

Con este obxectivo tamén se puxo en marcha o proxecto de sinalización culminado este ano en Pereiro de Aguiar onde se realizaron diferentes actuacións de mellora da sinalización turística por estrada, incluíndo sinalización nas principais vías de entrada, sinalización direccional das vías de acceso ao destino Ribeira Sacra, así como un rótulo con letras corpóreas na rotonda inmediata ao Parque Acuático de Monterrei.

Máis turismo internacional

Ademais, realizáronse actuacións de embelecemento de accesos a recursos turísticos, como un mural de grande formato para embelecer a fachada oeste, a recuperación e restauración dun mural artístico realizado polo pintor Virxilio nos anos 90 e a instalación dunha estatua en bronce sobre base de gratino, autoría de Xosé Cid, que representa a San Martiño Dumiense e que foi inaugurada en este acto.

“Este convenio vén a reforzar as actuacións que levamos desenvolvendo na Xunta de Galicia nos últimos anos en Pereiro de Aguiar, que inclúe a sinalización en distintos puntos de interese turístico, unha rede de sendeiros, entre outras moitas accións”, engadiu o director de Turismo quen tamén fixo referencia á positiva evolución turística da provincia de Ourense que o pasado ano recibiu máis de 314.000 viaxeiros grazas especialmente ao crecemento no mercado internacional, que medra un 6% na provincia.

Arriba