Máis de 4.000 persoas participaron en 2025 nas actividades gratuítas de observación astronómica promovidas pola Xunta nas Illas Atlánticas
Un total de 4.032 persoas participaron o ano pasado nalgunha das actividades astronómicas gratuítas que se organizaron no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais, como é o ceo.
Por noveno ano consecutivo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (como titular do parque) e a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) asumiron a dirección e coordinación das distintas accións de dinamización desenvolvidas entre os meses de xullo e setembro para promover os valores que desde o ano 2016 acreditan este espazo natural como destino turístico Starlight.
Para logralo, Fegar contou coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.
Os destinos que contan con este selo —avalado pola Unesco, apoiado pola Unión Astronómica Internacional, a Organización Mundial de Turismo e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan moi axeitados para as actividades turísticas centradas neste recurso.
Neste sentido, a programación astronómica desenvolvida nas Illas Atlánticas o pasado verán incluíu observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se puxo á disposición de todas as persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos para garantir a mellor experiencia.
Durante a quenda de mañá as accións centráronse na observación solar co fin de achegar aos asistentes ao seu funcionamento interno e á importancia que ten na meteoroloxía planetaria así como a súa estreita relación co ciclo da vida terrestre.
A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, con charlas a cargo de expertos nas que se afondou nos veciños estelares máis próximos, nos calendarios astronómicos que empregaban as civilizacións antigas ou na información que nos aporta a luz que achegan.
Adicionalmente, tamén se realizaron unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas especificamente a nenas e nenos así como de observación de meteoritos, accións que tiveron como punto álxido a semana da chuvia de estrelas fugaces das Perseidas (as chamadas Lágrimas de San Lourenzo) no mes de agosto.
A programación chegou en todo caso aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrouse en Cíes e en Ons e, sobre todo, nos meses de xullo e agosto. As accións en Cortegada foron puntuais, con dúas charlas, e aínda que en 2025 tamén estaba programada unha en Sálvora, finalmente foi aprazada polas condicións meteorolóxicas.
Ademais, cómpre destacar que este ano os guías e o persoal de atención ao público do parque nacional recibiu un curso formativo sobre o eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómenos que non se repite na Península Ibérica desde 1905 e que se poderá ver sobre todo no norte de España, sendo Galicia un dos lugares de observación idóneos.
Destino Starlight desde 2016
Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino turístico Starlight desde 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas. De feito, en 2026 renovarase a acreditación para que este espazo natural siga formando parte das zonas starlight recoñecidas en todo o mundo.
Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas durante o verán enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.