08 xan 2026

Turismo de Galicia licita a contratación dun programa de capacitación en competencias dixitais para o sector turístico por un importe de 2,5 M€

Turismo de Galicia publicou na plataforma de contratación da Administración autonómica a licitación a través da que se xestionará o programa de formación en competencias dixitais para persoas traballadoras ou en activo do sector turístico da comunidade. A medida conta cun orzamento previsto de 2,5M€ e as empresas terán ata o vindeiro 9 de febreiro para presentar as súas propostas.

En concreto, o contrato permitirá a formación de 789 persoas galegas do sector turismo, sexan traballadoras ou en activo, de entre 16 e 65 anos a través da modalidade online, que se xestionará mediante unha plataforma en liña. O contrato recolle a xestión dos cursos, o seu seguimento e o desenvolvemento de material didáctico, mediante unha atención global e completa que inclúa o persoal adecuado para levar a cabo as diferentes actividades.

Así, incluiranse dous tipos de accións. O primeiro destínase á formación dun total de 7,5 horas por persoa en competencias dixitais básicas, contemplando contidos como a identificación de perigos e ameazas en liña, privacidade, protección básica de datos e contidos, prevención de riscos, etc. O obxectivo é facilitar o traballo virtual seguro e confiable, tanto nas comunicacións como na busca de información ou as transaccións, con especial incidencia nas relacións coas Administracións Públicas.

O segundo grupo de actividades englobarase dentro da formación en competencias dixitais avanzadas, destinadas ao desenvolvemento dunha actividade máis elaborada, como afondar nos perigos e riscos da rede, o traballo con ferramentas de comunicación audiovisual e de traballo colaborativo e o emprego de servizos dixitais para a cidadanía e da administración electrónica. Tamén aquí establécense 7,5 horas de formación por persoa. 

Este programa formativo inclúese dentro da liña de actuación para o sector turismo da Xunta de Galicia para este 2026. En total, o Goberno galego destinará máis de 125M€ neste ano a consolidar o crecemento do sector, promovendo a súa modernización e profesionalización a través de iniciativas como a formación continuada.

Arriba