09 xan 2026

Turismo de Galicia inviste 60.000€ no reforzo dos servizos do Camiño de inverno na Rúa cunha nova Oficina de información ao peregrino

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo unha axenda activa en Valdeorras, coa que confirmou a aposta da Xunta de Galicia pola oferta turística desta comarca ourensá. En concreto, Xosé Merelles inaugurou a nova oficina de información ao peregrino que tamén servirá de sede da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, situada no Concello da Rúa. Esta actuación conta cunha inversión de 59.345,66€, destinada a reforzar os servizos para as persoas que realizan o Camiño de Inverno. Estas novas instalacións están chamadas a ser un punto de referencia de promoción desta ruta.

Para a creación desta oficina, situada na praza do Santo da localidade da Rúa, reformouse o antigo edificio, mantendo elementos construtivos esenciais da construción e dotándoa das instalacións imprescindibles para a súa finalidade.

Esta intervención pon o foco na mellora da experiencia da peregrinación  neste itinerario, nunha acción que apuntala a liña estratéxica de Turismo de Galicia para a diversificación dos distintos itinerarios xacobeos.

Festa do Botelo

Ademais, Xosé Merelles presentou a programación complementaria da Festa do Botelo do Barco de Valdeorras. A celebración, de interese turístico de Galicia desde 2014, chega este ano á súa 24ª edición, que se festexará o sábado 17 de xaneiro, malia que desde os días previos comezará o programa paralelo.

Este comezará unha semana antes, o sábado 10 de xaneiro, co Concerto do Botelo a cargo do Orfeón Valdeorrés no Teatro Lauro Olmo. O mércores 14 de xaneiro haberá dous pases da película ‘Mi postre favorito’, coa colaboración do Cinema Club Groucho Marx. O día 16 inaugurarase na Sala Abanca a exposición ‘Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote’, e poderase asistir á obra ‘Reconversión’, de Ibuprofeno Teatro. A programación pecharase o domingo 18 co espectáculo musical ‘Percorrido’, de Magín Blanco.

Cifras da comarca de Valdeorras

Nos últimos anos, o investimento de Turismo de Galicia na comarca de Valdeorras superou os 2,8M€. A través do PSTD ‘Valdeorras Ruta do Viño Milenaria’ destináronse 1,5 M€, aos que se sumaron 50.000€ do convenio co xeodestino Trevinca-Valdeorras en 2025. Ademais, o Plan de Seguridade Viaria do Camiño para o Camiño de Inverno investiu en 2024 647.028,65€, sumando en 2025 outros 117.405,85€ a través de actuacións en 38 km do itinerario.

A estas cifras hai que engadir 149.910,18€ das axudas a concellos de menos de 10.000 habitantes, distribuídos entre as localidades do Bolo, Larouco, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e Petín.

Ata novembro de 2025, 25.727 persoas realizaran un total de 51.477 pernoctacións na provincia de Ourense -un 3,7% máis de noites que no mesmo período de 2024-. Destaca o incremento do mercado internacional, que sumou un 11,1% máis respecto ao ano anterior, con 3.696 visitantes -un 14,4% do total-. Nos 11 primeiros meses de 2025, 314.911 persoas realizaran 612.135 noites na provincia, das que un 16,1% foron visitantes de fóra de España -un 5,9% máis que en 2024-.

 

Arriba