22 xan 2026

Galicia aposta na segunda xornada de Fitur 2026 pola promoción do turismo deportivo e a proposta termal Spa Pilgrimage vinculada ao Camiño de Santiago

Turismo de Galicia supera o ecuador das xornadas para profesionais de Fitur 2026 cunha axenda cargada de novidades para o sector dentro da oferta turística da comunidade para este ano. Entre as distintas presentacións que se desenvolveron no stand do organismo destaca a aposta polo turismo deportivo como “un importante motor turístico para comunidade”, segundo apuntou o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, durante a presentación.

Tamén afondouse na oferta relacionada coas rutas xacobeas e o desfrute da experiencia de peregrinación, das que se presentaron distintas modalidades turísticas, como o Galicia Spa Pilgrimage. Este produto une o Camiño de Santiago co turismo termal, para ofrecer ás persoas que transiten polas rutas  distintas experiencias de benestar e estancias en balnearios ou spas.

A iniciativa, presentada en novembro de 2025 ante operadores internacionais en Nova York, quere ampliar a estancia media de visitantes, promover a desestacionalización e abundar na internacionalización da demanda, así como consolidar o turismo de saúde e benestar. Está incluída dentro do Plan de Turismo Termal 2025-2028, presentado en xaneiro de 2025 e dotado con máis de 10M€, que quere aproveitar o carácter de Galicia como primeira potencia termal de España, segundo lembrou Merelles.

O turismo vinculado ás rutas xacobeas foi tamén o fondo, baixo o que se artellaron distintas presentacións nas que participou o director de Turismo de Galicia, como a do xeodestino Mar de Santiago, baixo a clave ‘Mar de Santiago: Terra e auga unidos no Camiño’. Os vínculos entre os Camiños Brochero e de Santiago tamén tiveron protagonismo coa presentación das medallas que certifican a dobre finalización das dúas rutas de peregrinación. Dentro da modalidade de turismo de saúde e benestar, Xosé Merelles, tamén estivo na presentación  ‘Ourense Provincia Termal, refugio familiar’, da Deputación Provincial de Ourense. 

Cicloturismo

Entre a vintena de presentacións que se desenvolveron este xoves no stand do organismo en Fitur 2026 tivo cabida outra das liñas estratéxicas do Goberno galego en materia de turismo: a aposta deportiva, escenificada na modalidade do turismo deportivo e o cicloturismo.

Así, unha das propostas centrais foi o turismo deportivo, que está a experimentar un novo pulo en Galicia. O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, foi o encargado de presentar esta proposta turística que se está a converter “nun potente motor turístico para a comunidade”. Salientou que entre xaneiro e setembro, visitaron Galicia 188.000 persoas motivadas polo turismo deportivo realizando un gasto medio de 110 euros, moi por riba da media do turista nacional.

Precisamente, nesta mesma oferta, na presentación ‘Fisterra, meta do cicloturismo europeo’ púxose en valor o carácter da localidade coruñesa como punto de finalización de dúas rutas da rede cicloturista EuroVelo, a EuroVelo 1 e EuroVelo 3.  Para Xosé Merelles, isto representa a aposta da Xunta de Galicia por un turismo de calidade, no que a sostibilidade é un dos piares.

Oferta plural

A xornada serviu tamén para afondar na variada oferta turística do destino, que abrangue desde o astroturismo ou o turismo de natureza á vertente enogastronómica. Así, o director de Turismo de Galicia asistiu ao acto ‘Un atardecer, dous ocasos: A eclipse na provincia de A Coruña’, da Deputación Provincial da Coruña, e presenciou o traspaso de poderes da España Verde no stand de Cantabria. Co xeodestino Costa da Morte participou na presentación ‘Costa da Morte: Onde a terra fala e o ceo responde’.

En relación ao turismo enogastronómico, Xosé Merelles asistiu á presentación   ‘Barbanza Arousa: Viaxe a través da historia dos sabores’, así como á de ‘Sabedoras (do saber e do sabor). Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño’.

Desde Turismo de Galicia tamén se quixo poñer en valor a aposta da Xunta de Galicia pola sostibilidade. Esta constitúe un dos eixos centrais da Estratexia de turismo 2030, no que se entende tanto como unha das misións concretas como elemento transversal a aplicar a todas as accións. Así, Xosé Merelles participou na presentación ‘Arquitectos do ocio: Profesionais dun turismo responsable’, do Clúster de Turismo de Galicia, onde se falou da profesionalización do sector, da súa formación continua e tamén da colaboración que presta coa Administración para contribuír a xerar un destino máis sostible e atractivo.

Arriba