26 xan 2026

Rueda sinala o avance da Xunta no desenvolvemento do Xacobeo 2027 aprobando o manual de uso da futura marca da celebración

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a “aprobación por parte do Consello da Xunta do decreto que regula a utilización da marca Xacobeo 2027”, mediante o cal se obriga os departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais, consorcios autonómicos, fundacións do sector público autonómico e sociedades mercantís públicas autonómicas, a utilizar como elementos adicionais os símbolos da marca Xacobeo 2027.

A Xunta de Galicia, tal e como explicou, “dá un paso máis” de cara á materialización de toda a organización do Xacobeo 2027, “un dos eventos que vai ser fundamental para Galicia en todos os sentidos”, asegurou. Así, destacou que, tal e como se viu en Fitur, “o sector turístico está a vivir un dos seus mellores momentos”, tendo en conta –a falta de datos pechados– os máis de 8,5 millóns de viaxeiros aloxados na comunidade o pasado ano e as máis de 530.000 compostelas entregadas. “E hai boas perspectivas tamén para este ano 2026 segundo nos sinalan os profesionais”, apuntou o presidente da Xunta.

Así, tras a aprobación agora deste manual tomando como base a proposta de logotipo que xa lle avanzou ao Ministerio a través do Consello Xacobeo, está pendente que este órgano convoque a reunión en que se cree a comisión que o aprobe.

Este novo decreto da Xunta súmase ao traballo realizado ata agora para facer efectivo o programa de beneficios fiscais que favorecerá as empresas que apoien este evento. Neste sentido, o Goberno galego vén traballando desde xuño de 2024, no marco da Comisión Executiva do Consello Xacobeo, instando o Goberno central para que actuase para que as empresas que apoien o Xacobeo 2027 teñan beneficios fiscais.

A norma aprobada hoxe dirixe o manual básico, que figura como anexo do decreto, para ver as distintas formas de “aplicar o logotipo en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas”, e obriga á súa utilización ata o 31 de decembro de 2028. A marca do Xacobeo 2027 aplicarase tamén sempre á adquisición, reposición ou reedición de todo elemento divulgativo do evento.

O decreto destaca a necesidade de que o Goberno galego e as demais entidades do sector público de Galicia, nas súas relacións de colaboración con outras administracións ou entidades dependentes, esixan sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a marca do Xacobeo 2027.

Rueda apuntou que “a utilización de dita marca por persoas físicas ou xurídicas, entidades e institucións non integrantes da Administración xeral e do sector público autonómico da Comunidade Autónoma requirirá solicitude dirixida á Axencia de Turismo de Galicia”, que é a competente para outorgar as correspondentes licenzas e autorizacións.

Ademais, o decreto recolle que a Xunta de Galicia e as demais entidades do sector público autonómico de Galicia fomentarán o emprego polas entidades locais galegas da marca, informándoas sobre a posibilidade de solicitar a oportuna autorización para o seu uso en todas as súas actuacións, especialmente nas de comunicación pública e promoción.

Arriba