Turismo de Galicia avanza na súa estratexia de promoción internacional coa presenza en seis feiras do sector en febreiro
Turismo de Galicia continúa a consolidar a súa estratexia de promoción en mercados exteriores, de cara á favorecer a internacionalización do destino. Para isto, durante o mes de febreiro estará presente en seis feiras do sector, dirixidas todas tanto a públicos profesionais como xeralistas.
Estes eventos permiten mostrar a proposta global do destino Galicia, pero tamén en modalidades concretas de turismo. Un exemplo deste último caso é a feira Devotio 2026. Trátase dun evento bianual especializado en produtos e servizos relixiosos que se desenvolve entre o 31 de xaneiro ao 3 de febreiro en Bolonia (Italia). Aquí, Turismo de Galicia participa cun stand propio de deseño de 30 m2.
Do 13 ao 15 de febreiro celébrase en Utrech (Países Baixos) a feira Fiets en Wandelbeurs, un dos principais encontros arredor do cicloturismo e turismo de natureza, no que Turismo de Galicia contará cun módulo no espazo que levará Turespaña.
Tamén no stand de Turespaña estará a Xunta na f.re.e 2026. Esta feira celébrase en Múnic (Alemaña) entre o 18 e 22 de febreiro, e está considerada como unha das principais citas de turismo do país. Na súa última edición xuntou arredor dun milleiro de expositores de 50 países distintos, vistos por máis de 125.000 visitantes.
De volta a España, entre o 20 e o 22 de febreiro celebrarase Navartur, a Feira Internacional de Turismo Reino de Navarra. Esta preséntase como o evento comercial líder para a industria de viaxes no norte do país. En concreto, Galicia estará presente cun stand de deseño 48m2.
Sen saír da Península, do 25 de febreiro ao 1 de marzo celébrase en Lisboa o BTL 2026. O Better Tourism Lisbon Travel Market está considerado como o principal evento en turismo de Portugal e Galicia concorrerá cun espazo propio.
O mes péchase coa Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico FIO 2026. Esta desenvolverase no Parque Nacional de Monfragüe, en Villarreal de San Carlos (Cáceres) entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo. Unha posibilidade para amosar a oferta de Galicia nesta modalidade, a través dun stand tipo modular.
Internacionalización
A presenza en feiras permite avanzar na estratexia de promoción turística da Xunta de Galicia, que ten na internacionalización do destino unha das súas claves. Os últimos datos turísticos rexistrados permiten comprobar o éxito desta planificación. Segundo a información publicada polo INE respecto ao aloxamento hoteleiro en 2025, Galicia rexistrou 7,3M de viaxantes -un 2,3% máis que en 2024-, que realizaron 13,5M de pernoctacións -un 1,9% máis-, o que permitiu subir os ingresos un 5,2%, ata a cifra récord de 451,2M€.
Destaca especialmente o avance do mercado internacional, que creceu un 3,5% en 2025, con especial impulso da poboación procedente de Estados Unidos -que se incrementou nun 10,4%-, converténdose no segundo mercado, só por detrás de Portugal, con 253.861 visitantes. Tamén experimentou un importante pulo a cifra de turistas de Reino Unido, que creceu un 14,6% ata as 109.614 persoas, converténdose no cuarto país por orixe.