Xosé Merelles enxalza a capacidade da Feira do Cocido de Lalín para xerar riqueza na comarca e destaca a internacionalización do evento que cruza fronteiras
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, enxalzou a capacidade e a transversalidade da Feira do Cocido de Lalín que conseguiu xerar un importante impacto económico e unha alta rendiblidade na comarca do Deza activando o comercio, a restauración e outros moitos servizos dirixidos aos visitantes. Xosé Merelles presentou unha nova edición da cita gastronómica, que este ano alcanza o número 58, no Centro Superior de Hostalería de Galicia. Durante o acto, o cociñeiro Alejandro Iglesias ofreceu unha degustación deste prato referente da gastronomía galega.
Referíndose á Feira do Cocido de Lalín, declarada de interese internacional desde 2020, Xosé Merelles salientou o seu carácter internacionalizador do evento, traspasando fronteiras e espertando o interese de visitantes estranxeiros que buscan na gastronomía un dos principais motivos de visita de Galicia. Neste sentido, salientou que o 2% dos turistas aducen motivos gastronómicos para visitar a comunidade galega e que este perfil gasta un 30% máis que o turista medio en actividades gastronómicas. Ademais, o director de Turismo de Galicia puxo en valor a súa vinculación co Entroido, unha das cita tradicionais da cultura galega. Precisamente, desde este mesmo luns, a programación do Entroido 2026 xunto coas citas gastronómicas da celebración poderanse consultar na páxina www.turismo.gal